POLÍTICAS SOCIAIS

Segunda edición de "Compostela + Solidaria"

29/05/2017 O Concello de Santiago e a Coordinadora Galega de ONGD poñen en marcha a segunda edición de Compostela + Solidaria, un programa de sensibilización con máis de 30 actividades para todas as idades que se levará a cabo do 29 de maio ao 16 de xuño. Foi presentado esta mañá pola concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, e por Lorena Seijo, da Coordinadora.

A través de obradoiros, charlas, debates, exposicións interactivas, unha Mostra de Cine Documental, contacontos, espazos infantís e unha Feira Solidaria, a cidadanía "terá a oportunidade de participar en actividades nas que se falará dos Dereitos Humanos e da necesidade de defendelos colectivamente para que todas as persoas, independentemente da súa orixe e de onde vivan, os teñan garantidos. Tamén, para dar a coñecer a realidade dos países empobrecidos, o traballo das ONGD galegas e as alternativas solidarias e xustas que dende o local contribúen a mudar o mundo", avanzou Concha Fernández.

Mostra de Cine Documental
Este é o segundo ano que Concello de Santiago de Compostela e a Coordinadora Galega de ONGD colaboran no Compostela + Solidaria e esta nova edición trae algunhas novidades. Unha delas é a Mostra de Cine Documental, unha proposta en formato cine foro na que se proxectarán seis títulos de curtas e longametraxes que retratan realidades como as das migracións, o acceso á saúde e o dereito a ter unha vivenda digna. Precisamente, a actividade inaugural desta segunda edición do Compostela + Solidaria será a proxección de Frágil equilibrio, premio Goya 2017 ao mellor documental.

Outra das novidades deste ano é a Feira Solidaria, unha proposta de rúa onde se ofrecerán actividades para todas as idades e nas que haberá postos de venta de produtos de comercio xusto e de información das ONGD. Será o 16 de xuño na praza Roxa.

Compostela + Solidaria mantén a oferta de actividades de balde para todas as idades nos centros socioculturais da cidade e, ademais, incorpora novos espazos como a Biblioteca Ánxel Casal, o Pazo de Fonseca e a Fundación Granell. Esta edición comezou xa o pasado 23 de maio coa inauguración da exposición Migrante na rúa, composta por fotografías de 25 profesionais e coa colaboración de 25 entidades. Estará dispoñible ata o 18 de xuño na Fundación Granell.

Polos Dereitos sen fronteiras
A segunda edición de Compostela + Solidaria ofrece máis de 30 actividades, todas elas enfocadas á promoción e defensa dos Dereitos Humanos. Hoxe, 2.200 millóns de persoas viven en situación de pobreza extrema e as cifras de desigualdade global non teñen precedentes. Estamos a vivir o maior movemento de desprazamentos forzosos dende a II Guerra Mundial e o actual sistema económico está a xerar desequilibrios medioambientais e sociais que desembocaron nunha situación de crise ecolóxica. "Coas actividades de Compostela + Solidaria deste ano queremos reivindicar a necesidade de reocupar os nosos dereitos", comentou Lorena Seijo, vogal da Coordinadora Galega de ONGD.

É neste contexto que as ONGD galegas ofrecerán propostas para reflexionar e debater colectivamente: obradoiros infantís de cociña para coñecer o comercio xusto; contacontos sobre o valor da diversidade; obradoiros para aprender a elaborar produtos de limpeza ecolóxicos e para iniciarse no ciberactivismo contra os discursos do oído; charlas sobre xénero e saúde, fiscalidade e evasión fiscal; exposicións sobre as migracións e o dereito ao refuxio e sobre o papel das mulleres na produción de alimentos, etc.

Serán espazos de convivencia nos que a cidadanía de Compostela poderá coñecer de primeira man a realidade doutras persoas que viven en países empobrecidos e os efectos positivos da cooperación ao desenvolvemento nestes contextos. Todas, actividades para coñecer como contribuír e mudar cuestións globais dende o noso día a día e a nosa realidade máis próxima.

Documentos relacionados



Compartir: