LINGUA E ACCIÓN CULTURAL

Pablo Díaz e a banda Tic Tac Toc, en concerto no Auditorio de Galicia

19/05/2017 Chega ao Auditorio de Galicia Pablo Díaz e a banda Tic Tac Toc, dentro do programa FalaRedes da Xunta de Galicia. Será este sábado 20 de maio, ás 18:30 horas, con entrada de balde previa retirada de localidades no Teatro Principal e o día do espectáculo, a partir das 17:30 horas, no propio Auditorio.

Neste espectáculo de pop, rock e folk para xente miúda, os pequenos e pequenas poderán cantar os temas máis divertidos do último traballo Tic Tac Toc, que repasarán tamén as súas cancións máis emblemáticas dos anteriores traballos. Pablo Díaz contará neste concerto coa banda ao completo: Olga Kirk, Diego Barral e Alex Fente.

A obra de Pablo no eido infantil ten xa certo pouso. Dende que en decembro do 2009 viu a luz o seu primeiro traballo, Tic Tac, premiado co galardón á creatividade infantil Anisia Miranda en 2010 e reeditado tres veces, o seu traballo foi incesante.

En novembro de 2013, presentou o segundo libro-disco, Toc Toc, Premio Martín Códax 2014 e Premio Frei Martín Sarmiento para educación infantil en 2015.

Ao ano seguinte, Pablo Díaz volveu a un formato máis clásico con Xente miúda, moita fartura, enfocando o traballo aos máis pequeniños da familia, bebés e rapazada de ata 5 anos.

En decembro de 2016 ve a luz o novo traballo de Pablo, Tic Tac Toc, ilustrado por Almudena Aparicio e editado por Galaxia. Este libro-disco ten ademais o obxectivo de dar a coñecer e poñer en valor o traballo dun artista de 10 anos, Antón, que deseña e debuxa uns animais imaxinarios preciosos. Antón é un neno con TEA, pero cunha altísima capacidade creativa. El di isto de si mesmo: "O meu nome é Antón e teño 10 anos. Estudo 4º de primaria e teño TEA, mais iso non é o que me define. Son un neno cariñoso, feliz, gústame xogar, estudar, ir á praia e ao parque, pero sobre todo gústame debuxar. E o que máis me gusta no mundo é debuxar animais". De aí a canción "O mundo máxico de Antón".

Compartir: