ACCIÓN CULTURAL

Luis Emilio Batallán e Os Amigos dos Músicos ofrecerán un concerto conxunto no Teatro Principal

19/05/2017 Nova entrega do ciclo Compostela Conversa, que busca fomentar a promoción do novo talento e a reflexión sobre a escena actual, dando voz aos artistas máis alá da actuación musical. Desta vez serán Luis Emilio Batallán e Os Amigos dos Músicos os que ofrecerán un concerto conxunto no Teatro Principal afondando na influencia do Maio dende 1975 ata hoxe. Será o domingo 21 ás 20:00 horas.

O público pode enviar as súas preguntas a cada un dos grupos previamente a través da conta de correo electrónico compostelaconversa@gmail.com e os e as artistas responderán o mesmo día do concerto en directo. As entradas teñen un prezo de 10 euros (5 euros para desempregados, maiores de 65 anos, xubilados, menores de 25 anos, estudantes, familias monoparentais, familias numerosas e perceptores de rendas sociais) e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas), no 902 434 443 ou en entradas.abanca.com.

Ahí ven o Maio, disco que chegou a vender máis de cincocentos mil exemplares e no que musicaba o popular poema de Curros Enríquez, é o traballo co que se deu a coñecer Luis Emilio Batallán na escena musical galega en 1975. 22 anos máis tarde, o polifacético artista galego estrea un novo álbum, totalmente rupturista coa súa primeira etapa como músico, con sons caribeños, ritmos de bossa-nova, bachata, merengue e incluso reggaetton.

Ao mesmo tempo, neste 2017, unha banda de rapaces novos, Os Amigos dos Músicos, editan o seu primeiro disco, que recibe premios alá por onde pasan e no que se inclúe unha emotiva versión da canción do Maio. Eles mesmos citan a Batallán coma unha das súas referencias fundamentais, a pesar dos camiños tan diferentes nos que se atopan as súas carreiras actuais.

Os Amigos dos Músicos son os responsables de que en maio de 2017 sigamos a preguntarnos canto queda do Maio de Curros Enríquez na Galicia actual; canto daquela primavera que parece que non da chegado; canto dunha poesía imprescindible para entender a cultura galega do último século.

Luis Emilio Batallán e Os Amigos dos Músicos, xuntos por primeira vez nun escenario, falarán da Galicia de antes e de agora e cada un deles ofrecerá ademais un concerto único. Os Amigos dos Músicos presentando o seu primeiro disco e Luis Emilio Batallán as cancións do seu último álbum, 70 y 29.

Os Amigos dos Músicos recollen no seu primeiro disco un conxunto de cancións nas que unen o propio co alleo para dar forma a un discurso fragmentado, no que as distintas voces se van sucedendo, mais no que aos poucos vai emerxendo a coherencia do horizonte. A banda sempre buscou referentes na canción popular galega: Curros Enríquez, Suso Vaamonde, Manuel María e Luis Emilio Batallán son o risón que permite pararse e levantar a vista, mais só para proseguir a viaxe.

Nos seus concertos, Os Amigos dos Músicos presentan o seu amplo rexistro musical a través da sutileza dos cambios de dinámica e a mestura das distintas voces que compoñen a banda. Despois dun tempo percorrendo os palcos do país, Os Amigos dos Músicos presentan un traballo que máis que un resumo do anterior pretende ser unha introdución a un tempo novo.

Hai pouco, Luis Emilio Batallán cumpría 40 maios dende que sacou o seu primeiro disco, Ahí ven o maio, ese que o lanzou á fama a mediados da década dos setenta. Batallán estivo presente nos escenarios durante catro décadas de música con álbums recoñecidos como Ballet da nena, Eres un fármaco e, en 2007, Tu retrato.

Luis Emilio é coñecido polo público pola súa habilidade ao musicalizar poemas de grandes referentes da literatura galega como Rosalía de Castro (no disco Había que chegar incorpora o tema "Adiós ríos, adiós fontes", con Pablo Milanés), Celso Emilio Ferreiro (o tan famoso tema "Agardarei") ou Álvaro Cunqueiro (un dos seus grandes éxitos "Quen puidera namorala", baseado no poema "No niño no voo do vento"), entre outros.

O intérprete regresa aos escenarios cun traballo máis íntimo, máis coidado e máis persoal, máis arriscado. Dedicado á súa nai Ofelia, recentemente desaparecida, 70 y 29 recolle ritmos caribeños, ritmos de bossa-nova, bachata e merengue, incluso reggaetton. Se é que Batallán xa ten rédito e experiencia como para facer o que lle veña en gana. Batallán, en estado puro.

Compartir: