ALCALDÍA E EDUCACIÓN

O alcalde anuncia a posibilidade de trasladar a EMM ás instalacións da Escola de Altos Estudos Musicais, en Vista Alegre

19/05/2017 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, vén de anunciar na rolda de prensa da Xunta de Goberno que o Executivo local atopou unha solución para o traslado da Escola Municipal de Música, dando cumprimento así a un acordo plenario que instaba a atopar unha solución aos problemas de espazo existentes no CEIP Apóstolo Santiago.

"Levabamos dous meses traballando dende Alcaldía para o traslado da Escola Municipal de Música ás instalacións da Escola de Altos Estudos Musicais en Vista Alegre", explicou o alcalde. Trátase dun inmoble que se atopa en moi boas condicións e que pertence ao Consorcio, entidade que amosou a boa disposición a asumir esta proposta e facer efectivo o traslado. Noriega lembrou que a busca dunha solución foi unha cuestión que ocupou e preocupou ao Goberno nos últimos meses.

O traslado non implica, en ningún caso, mover a ubicación da Escola de Altos Estudos Musicais a outro emprazamento, xa que esta realiza as súas actividades unicamente en horario de mañá.

Esta solución permitirá resolver os problemas de convivencia que se viñan xerando entre o Colexio Apóstolo Santiago e a Escola Municipal de Música pola falta de espazos, que provocou incluso protestas cruzadas de ambas partes. É por iso que Martiño Noriega confía en que esta solución se reciba ben por ambas partes, xa que o CEIP recuperará os seus espazos e a Escola Municipal de Música trasladarase a un inmoble con mellores condicións, tanto acústicas como de espazos.

O alcalde xa lle trasladou esta solución aos voceiros da oposición, que tamén forman parte da executiva do Consorcio. Agora o vindeiro paso será a constitución dunha comisión bilateral na que participen representantes do Consorcio, da Escola Municipal de Música e do Departamento de Educación e Cidadanía.

Compartir: