MEDIO AMBIENTE E EDUCACIÓN

Un novo programa conciencia aos escolares sobre recollida selectiva de papel e cartón

04/12/2006 O Concello de Santiago de Compostela, dende as concellarías de Medio Ambiente e de Educación, pon en marcha un programa de implantación do servizo de recollida selectiva de papel e cartón en centros educativos do termo municipal de Santiago de Compostela. Este servizo, gratuíto para os centros, será realizado por persoal de COREGAL e terá lugar no presente curso escolar 2006-2007.

As concelleiras de Medio Ambiente e Educación, Marta Álvarez-Santullano e Elvira Cienfuegos asistiron ao acto de presentación desta campaña e á entrega das papeleiras no CEIP Pío XII. Durante o acto, un grupo de escolares procederon á montaxe das papeleiras.

O obxectivo principal do programa é de carácter educativo e de fomento da concienciación ambiental, así como da separación en orixe dos residuos. Ademais preténdese incrementar a recuperación de papel para a súa reciclaxe, reducir a súa cantidade no total dos residuos urbanos que van ao vertedoiro e satisfacer a demanda de prestación deste servizo aos centros solicitantes.

Para o desenvolvemento deste programa, o Concello conta coa colaboración da Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel e Cartón (ASPAPEL), que no marco do seu Programa "Tu papel 21" mostrou a súa disposición a facilitar as ecopapeleiras necesarias, así como material didáctico e asesoramento. Na web www.tupapelesimportante.com pódese atopar material didáctico, información e consellos prácticos sobre a recollida e a reciclaxe de papel.

Proporcionarase aos colexios papeleiras de cartón de 100 litros, fabricadas en cartón 100% reciclable de alta resistencia e deseñadas de maneira que se poidan manipular e baleirar con facilidade. Nestas ecopapeleiras os alumnos depositarán o seu papel usado co estímulo e baixo a supervisión do seu profesor/a, tomando conciencia da súa capacidade para contribuír a mellora do medio ambiente cun xesto sinxelo e cotiá.

En cada colexio distribuiranse as papeleiras que se estimen necesarias en función das necesidades de cada centro: unha papeleira en cada aula, nas oficinas administrativas, zona de fotocopiadoras, salas de reunións, etc. As ecopapeleiras utilizaranse cunha bolsa de plástico no interior para o depósito temporal do papel usado.

Posteriormente, con medios internos (os profesores/as poden organizar grupos de alumnos/as que se turnen neste tarefa), procederase ao baleirado destas ecopapeleiras. Para iso, depositaranse as bolsas de plástico co papel acumulado nos caldeiros de 200 ou 450 litros para papel-cartón asignados a cada centro, ou na súa falta, almacenaranse as bolsas de plástico nun lugar designado como centro de provisión (exemplo, cuarto de lixos). Finalmente, no horario e frecuencia que sexa fixado, o persoal de COREGAL pasará por cada centro e recollerá as bolsas de plástico co papel almacenado.

Compartir: