ALCALDÍA

Novo "Encontro ao vivo" coa veciñanza da zona rural sur

19/05/2017 Este sábado 19 de maio, os "Encontros ao vivo" chegan ás parroquias do rural sur e os veciños e veciñas desa área poderán trasladar as súas queixas e inquedanzas ao alcalde de Santiago, Martiño Noriega, como ao resto do Goberno local. A cita é a partir das 11:30 horas no Centro Sociocultural de Villestro.

Trátase do cuarto "Encontro ao vivo", despois dos celebrados na área urbana sureste, rural norte e urbana nordeste. Nesta ocasión, a protagonista será a veciñanza das parroquias da Rocha, Laraño, Villestro, Figueiras e San Paio, que reúnen a aproximadamente 5.000 persoas. Na reunión farase un repaso polos datos da auditoría cidadá que foi elaborada no primeiro ano e medio de mandato a partir das suxestións tanto das asociacións e colectivos veciñais, como de veciños e veciñas a título individual.

O alcalde, Martiño Noriega, e todas as concelleiras e concelleiros do Goberno darán conta das demandas que se teñen atendido, e explicarán os motivos de non ter respondido a algunhas outras. Despois, os asistentes poderán falar para formular novas demandas ou expresaren as súas opinións.

Para garantir que todos os asistentes teñan a oportunidade de falar, os "Encontros ao vivo" están dirixidos por profesionais da mediación, que miden tempos e favorecen a diversidade de todas as achegas. Tamén nesta ocasión haberá intérprete da lingua de signos e un servizo de conciliación, para facilitar a asistencia de toda a veciñanza.

Nove "Encontros ao vivo" ao longo do ano
Os "Encontros ao vivo" forman parte da aposta pola participación cidadá que fai o Goberno local. Estas xuntanzas completan os procesos iniciados coa auditoría cidadá elaborada a partir das ducias de reunións mantidas coas diferentes asociacións de Compostela, e coa posta en marcha dos orzamentos participativos.

O obxectivo é abarcar todo o territorio de Compostela con estes actos, e por iso están planificados nove "Encontros ao vivo", seis en áreas urbanas e tres en áreas rurais. En cada un deles, agrúpanse varios barrios ou parroquias, de xeito que se poidan tratar temas concretos que lle afecten á súa veciñanza, ou asuntos de interese para o conxunto da cidade.

Direcciones relacionadas



Compartir: