LINGUA

Pablo Díaz trae o seu espectáculo infantil "Tic Tac Toc" ao Auditorio dentro do programa FalaRedes

15/05/2017 O alcalde, Martiño Noriega, presentou hoxe o espectáculo Pablo Díaz e Tic Tac Toc, que chegará o próximo sábado ao Auditorio e Galicia dentro do programa FalaRedes, da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Na rolda tamén participaron o responsable deste departamento da Xunta, Valentín García, e os músicos Pablo Díaz e Olga Kirk.

O alcalde mostrou a súa satisfacción pola chegada a Compostela deste concerto, "porque este tipo de actividades de lecer en galego son fundamentais para mantermos vivo o noso idioma, sobre todo cando se dirixen aos nenos e nenas". Martiño Noriega tamén gabou "o altísimo nivel da música infantil en galego, da que son bo coñecedor porque a miña filla pequena fíxome mudar as letras rockeiras polas de xente como Pablo Díaz ou María Fumaça". Tamén puxo o acento en que "todos os espectáculos infantís que programamos dende o Concello de Santiago acaban esgotando as entradas, aínda que sexan de pago, e iso demostra que hai unha altísima demanda deste tipo de propostas".

Implicación das familias
O secretario Xeral de Política Lingüística tamén mostrou a súa satisfacción porque "a xira do Tic Tac Toc vaise pechar en Santiago, unha cidade de referencia en temas relacionados coa normalización lingüística, e vaino facer despois de ter cheos en cada actuación". Valentín García salientou a importancia de que a estes concertos "asistan non só os nenos e nenas, senón tamén os seus pais e avós, porque o papel dos familiares é fundamental na transmisión oral da nosa lingua".

Pola súa banda, Pablo Díaz recoñeceu que para el "é moi especial facer en Santiago a actuación de peche dunha xira que me fai sentir orgulloso do meu traballo". O músico tamén se referiu o bo momento que vive a música infantil en galego, "con máis grupos e de mellor calidade que ningún outro lugar do Estado".

Para público infantil e de balde
Pablo Díaz e Tic Tac Toc chegará o sábado 20 de maio ao Auditorio de Galicia, ás 18:30 horas. O espectáculo serve para presentar as cancións do último traballo de Pablo Díaz, pero tamén para facer un pequeno repaso polos anteriores traballos do músico, que lle valeron recoñecementos como o Premio Anisia Miranda, o Premio Martín Codax, ou o Premio Frei Martín Sarmiento.

As entradas para asistir ao concerto son de balde, pero é preciso retirar previamente a invitación na billeteira do Teatro Principal. O límite máximo de pases por persoa será de catro.

Compartir: