ALCALDÍA

Entregados os premios "Enreguéifate 2017"

12/05/2017 O Auditorio de Galicia acolleu esta mañá o II Encontro Regueifesta de improvisación oral en verso, un encontro ao que acudiron o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios.

En total repartíronse 12 premios, seis na categoría xeral e outras seis na escolar. Regueifeiros históricos e o CEIP de Arzúa levaron o premio pola regueifa máis brava; Dúas de Botos, Xente de Conxo e o CEIP Palas de Rei obtiveron o premio á máis aguda; Geriatros Viveiro e o CEE Manuel López Navalón pola máis diversa; Os Demos da AME e o IES Marco do Camballón pola máis reivindicativa; A.C. Brisas do Quenllo e o CEIP Labarta Pose pola regueifa mellor falada; e Belém tajes e o CPR Santa Apolonia pola regueifa mellor cantada.

A artista Lidia Botana, Bolboreta, tamén actuou na Regueifesta como madriña do evento, presentando o tema "Boina e txapela", himno do proxecto deste ano.

Numerosas regueifas
O II Encontro Regueifesta é un proxecto innovador que está a impulsar a improvisación oral en verso -valores, aprendizaxes e novas normas socioculturais- no ámbito educativo. O seu obxectivo é impulsar un proceso de transformación a través da lingua, a música e os valores de xustiza social, dende a dimensión lúdica da regueifa e implicando a comunidade educativa e múltiples axentes sociais.

O proxecto está a ser impulsado polos institutos de Baio e As Cruces, e no Encontro Regueifesta participaron 20 centros de ensino de Compostela e do resto de Galicia. Ademais, tamén chegou o IES de Arratia, dende o País Vasco, para participar no segundo intercambio educativo Regueibertso de improvisación oral.

Houbo un total de 1.000 estudantes que encheron as butacas do Auditorio de Galicia. O acto estivo conducido por Alba María e Josinho da Teixeira e no escenario estiveron acompañados do alumnado do IES de Viana do Bolo, o grupo VintenBaio, do IES de Baio; o alumnado do IES Antón Fraguas e o alumnado do IES de Arratia.

Ademais, a Regueifesta presentou á nova fornada da regueifa: Xairo de Herbón, Esther Porrit, Noa de Capón, Nuria das Cruces, Lorena Medela e Xandro de Baio.

I Festival Boina e Txapela
A Regueifesta continúa a súa celebración pola tarde, no Centro Xove da Almáciga, co I Festival Boina e Txapela, unha festa musical de freestyle, rap e rock, que contará coa participación de Garcia MC e DJ Mil, Moudafaca e Gato Persa, Lidia Botana e, dende Euskal Herria, Radio Revolución. Haberá un tempo para micro aberto e improvisación de quen queira participar. Este festival terá lugar a partir das 19:00 horas.

A Concellaría de Educación e o Departamento de Lingua do Concello de Santiago, a Vicepresidencia da Deputación da Coruña e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia son as tres entidades públicas que colaboran no Encontro Regueifesta e no Festival Boina e Txapela.

O Festival -no que colaboran o Concello de Santiago e a Deputación da Coruña- ten como obxectivo promover a lingua galega entre a xente nova, especialmente nos espazos de ocio e tempo libre e nas relacións informais. Ademais, quere impulsar a lingua galega nos ámbitos da improvisación oral urbana, do freestyle e o rap, onde o galego cada vez ten máis presenza social.

Compartir: