EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Novo concerto da orquestra Praeludium este sábado no CGAC

04/05/2017 Este sábado 6 de maio, ás 19:30 horas, o auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acollerá unha nova actuación de Praeludium, unha orquestra formada por músicos noveis de Santiago de Compostela.

Logo do éxito da representación da ópera Brundibár o pasado mes de decembro no Teatro Principal, grazas á colaboración de Amigos da Ópera de Santiago, o Concello e a Deputación da Coruña, entre outras institucións, a Concellaría de Educación e Cidadanía vén traballando na realización de actividades que difundan a música clásica entre o estudantado e as familias de Compostela.

Nesta ocasión programouse un concerto da orquestra Praeludium, dirixida por Mateo Iglesias. O concelleiro de Educación, Manuel Dios, asistirá a esta actuación, cuxa asistencia é libre e de balde ata completar aforo. Están convidadas as familias, o alumnado de calquera nivel e as agrupacións musicais da cidade.

A orquestra interpretará o seguinte programa:

- Andante festivo, de Jean Sibelius.
- Cinq pieces en trio (selección), de Jacques Ibert.
- Sinfonía Simple op. 4, de Benjamin Britten.
- Elexía op. 24 (transcrición para violoncello e orquestra), de Gabriel Fauré.
- Alén, 2 breves episodios sinfónicos (estrea), de Sergio Rodríguez.
- Sinfonía nº 1, op. 21, 1º movemento, de L. V. Beethoven.

Cómpre lembrar que aqueles músicos e músicas noveis da cidade que estean interesados/as en forma parte da orquestra Praeludium poden contactar coa mesma para realizar unha proba que lles permita optar a integrarse neste proxecto, que nace para formar novos músicos.

Máis información:
Orquestra Praeludium: jopraeludium@gmail.com
Departamento de Educación e Cidadanía.
Teléfonos: 981 554 400/01
dptoeducacion@santiagodecompostela.gal

Compartir: