MEDIO RURAL E EQUILIBRIO TERRITORIAL

Iniciada a campaña de rozas de 2017

04/05/2017 Esta semana deron comezo os traballos da campaña de rozas, na que se van investir uns 220.000 euros. Os labores de limpeza prolongaranse ao redor de dous meses, nos que se actuará en case 550 quilómetros de viarios de titularidade municipal, nas dúas marxes.

O concelleiro de Medio Rural e Equilibrio Territorial deu conta do inicio destes traballos na parroquia de Marrozos, onde está previsto que continúen as rozas ata o próximo día 11 co obxectivo de "ter os viarios en perfecto estado antes da celebración das festas patronais". Rafael Peña apuntou que, ademais, Marrozos é a parroquia con máis quilómetros incluídos na campaña de rozas, un total de 44.

Unha vez finalizadas as actuacións en Marrozos, os labores de limpeza chegarán antes de que remate o mes de maio ao Eixo, Aríns e Bando. Posteriormente actuarase en Laraño, Villestro e Figueiras, para concluír a campaña nas parroquias do norte do municipio. O concelleiro de Medio Rural apuntou que "no sur de Santiago está medrando máis a vexetación porque as temperaturas son máis suaves, e por iso se optou por arrancar a campaña de rozas por esa zona".

Rafael Peña confía en que os viarios municipais estean limpos nun prazo de oito semanas, "antes dos meses centrais do verán". Para iso, traballarán catro tractores, tres da empresa adxudicataria e un da Brigada Municipal de Vías e Obras que estará dedicado ás zonas periurbanas.

Limpeza de fincas
O concelleiro de Medio Rural e Equilibrio Territorial apuntou que na campaña de rozas tamén se inclúe a limpeza de fincas de titularidade municipal. En canto ás fincas privadas, Rafael Peña insistiu en que o Concello "só pode actuar de xeito subsidiario cando existe un problema de salubridade avalado por un informe técnico". Tamén lamentou os problemas cos que se atopa a administración municipal para reclamarlles aos propietarios que acometan a limpeza, "en moitos casos porque están na emigración, noutros porque son fincas herdadas por varios irmáns que non acaban de poñerse de acordo". Outra situación problemática, sinalou o edil, "é a que se dá en solares que se ían urbanizar por iniciativa privada, nalgúns casos con proxectos desenvolvidos por cooperativas que xa desapareceron"
Por último, o concelleiro de Medio Rural lamentou o estado no que se atopa o monte, a falta de só uns meses para entrar na temporada de risco de incendios. Rafael Peña reclamou que "os servizos de prevención e extinción da Xunta de Galicia deberían traballar tamén no inverno, e non só nos meses de xullo, agosto e setembro, sobre todo co inverno tan seco que tivemos este ano".

Compartir: