SANIDADE

O doutor Tojo Sierra abre o primeiro ciclo de conferencias Alimentación e Saúde que organiza a concellaría de Sanidade

27/11/2006 O profesor, e doutor do Hospital Clínico, Rafael Tojo Sierra dará mañá unha conferencia ás 20.00 h. no Centro Sociocultural e Xuvenil O Ensanche. A charla, na que Tojo falará sobre recomendacións nutricionais para a infancia e a adolescencia e a prevención da obesidade, inaugura o 1º Ciclo de Conferencias Alimentación e Saúde que organiza a Concellaría de Sanidade e Consumo do Concello de Santiago. O departamento de Sanidade busca achegarse aos mitos e realidade da alimentación actual e pretende informar para fomentar hábitos saludables na alimentación.

Nestas conferencias, diferentes expertos en nutrición revelan as claves para unha correcta alimentación nas diferentes etapas do ciclo vital, desde a xestación ata a idade adulta. Así, logo de que o profesor Tojo Sierra fale da etapa vital da infancia e a adolescencia, seguirán dúas charlas máis que xirarán arredor da etapa adulta e do embarazo.

Este mércores, 29 de setembro, o doutor e profesor da USC, Manuel Iglesias, dará a conferencia "Protección da saúde da muller. Coidados durante o embarazo", e xa en decembro, o día 12, será a profesora e doutora do Hospìtal Clínico Emma Camarero a que dará a terceira conferencia, que leva por nome "A nutrición na idade adulta. Alimentación saludable" e que pecha este primeiro ciclo. Ambas charlas serán no Centro Sociocultural e Xuvenil O Ensanche ás 20.00 horas.

TEMÁTICA CONFERENCIAS "ALIMENTACIÓN E SAÚDE"

• 1ª CONFERENCIA: "Recomendacións nutricionais para a infancia e a adolescencia. Prevención da obesidade" Rafael Tojo Sierra.

A alimentación saudábel é un compoñente básico para a saúde, o crecemento e o desenvolvemento de nenos/as e adolescentes. No momento actual, o exceso de peso e a obesidade son o problema nutricional máis importante, pero tamén as deficiencias dalgúns minerais e vitaminas (calcio, ferro, vitamina D, etc.). Unha alimentación inadecuada a estas idades é un risco para a saúde da persoa adulta.

• 2ª CONFERENCIA: "Protección da saúde da muller. Coidados durante o embarazo" Manuel Iglesias

A alimentación da muller é considerada unha prioridade de saúde pública pola Organización Mundial da Saúde (OMS), tanto polo que significa individualmente como polo seu papel determinante sobre a nutrición do feto e do lactante. Nestes períodos, as demandas n u t r i cionais de calorías, macronutrientes, vitaminas, minerais e compoñentes bioactivos aumentan e, por tanto, unha dieta equilibrada e variada é esencial.
• 3ª CONFERENCIA: "A nutrición na idade adulta. Alimentación saudábel" Emma Camarero

Nas sociedades desenvolvidas supéranse os requirimentos en enerxía e tamén en graxa e proteínas de orixe animal debido á grande oferta de alimentos que existe e á diminución de exercicio físico cotián que rebaixa as necesidades. Isto produce un aumento da obesidade e das enfermidades crónicas, especialmente cardiovasculares e diabetes. A alimentación saudábel supón adaptar os ingresos de enerxía á actividade física, tomar unha gran variedade de alimentos frescos, preferentemente froitas, verduras e cereais integrais e diminuír o sal e os alimentos procesados.

Compartir: