CONSORCIO

A Comisión Executiva do Consorcio acorda destinar máis de 82 millóns de euros para o desenvolvemento da programación plurianual 2007-2010

27/11/2006 Os investimentos, que teñen por obxecto fomentar as iniciativas que relacionen a política de protección patrimonial da Cidade Histórica coas de vivenda, emprego, benestar social e protección ambiental, deben ser aprobados polo Consello de Administración

O alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Xosé S. Bugallo asegurou trala reunión da Comisión Executiva do organismo interadministrativo que preside, que Santiago contará con máis de 82 millóns de euros para a programación plurianual 2007-2010. Este acordo debe ser aprobado polo Consello de Administración do Consorcio que se reunirá o próximo 19 de decembro.

Nos grandes capítulos de inversións destacan os preto de 40 millóns de euros para recuperación urbana e os máis de 30 millóns de euros para programas de dinamización turístico- cultural.

Así, para o apartado de grandes intervencións en infraestructura destínanse 24.563.760 euros, dos que 13 millóns son para a adquisición e acondicionamento das Brañas do Sar; algo máis de 4 millóns de euros para a adquisición da Selva Negra do Pedroso; 1.700.000 euros para a adquisición e acondicionamento da Casa do Cabildo; 612.000 euros para adquisición e acondicionamento do Castelo de A Rocha; 250.000 euros para o acondicionamento do Xardin Botánico; así como 1.800.000 euros para o novo Museo de Historia Natural no Parque de Vista Alegre e 3.060.000 euros para a adecuación do edificio do Banco de España.

En canto á distribución de gasto en rehabilitación e conservación do patrimonio, para o que se destinan algo máis de 13 millóns de euros, destacan os 4.600.000 euros para rehabilitación e mantemento de vivendas e locais comerciais; 4 millóns de euros para restauración de monumentos e a conservación de pavimentos; 1.200.000 euros para a restauración de bens mobles e 500.000 euros en intervencións en espazos públicos, ademais de 2.750.000 euros en intervencións no sistema viario.

Outra das partidas destacables é a de 6.610.000 euros, que engloba o desenvolvemento do programa de estudos e publicacións da cidade histórica, o desenvolvemento das primeiras fases do Sistema de Información Patrimonial, elaboración do informe do Observatorio Urbano, proxectos de dixitalización de arquivos e elaboración do proxecto de remodelación do Banco de España para Museo de Santiago e das Peregrinacións.

Nesta programación plurianual, a Real Filarmonía de Galicia e a Escola de Altos Estudos Musicais benefícianse de máis de 20 millóns de euros. Un orzamento no que está incluída a renovación de contrato de Antoni Ros Marbà ata o 2010, de Maximino Zumalave como Director Asociado, e a incorporación de Paul Daniel como principal director invitado.

Compartir: