SANIDADE

Bugallo inaugura un simpsio contra o cancro

24/11/2006 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou esta tarde un simposio no que se analizarán os resultados médicos obtidos nas terapias de tratamentos de cancro que introducen o taxano como principio activo nas sesións de quimioterapia.

Baixo o título "Taxotere, dez anos aportando vida", o alcalde de Santiago abriu oficialmente o intercambio de experiencias médicas que terán lugar neste simposio, onde se reúnen oncólogos de Galicia, Asturias, León e Salamanca.

Durante o acto, Sánchez Bugallo fixo referencia ao cancro como "unha enfermidade que afecta ás sociedades desenvolvidas con alta esperanza de vida" e asegurou que grazas á investigación médica "hoxe en día unha persoa con cancro xa non é unha persoa sentenciada a morte senón unha persoa que ten que loitar". O alcalde rematou a súa intervención manifestando "o orgullo, a satisfacción e o agradecemento da sociedade aos profesionais congregados no simposio polo seu traballo na investigación de fármacos que axuden a tratar esta enfermidade.

No acto inaugural acompañaron ao alcalde os doutores Félix Burrial, Luís Antón Aparicio e Rafael López López, responsable da área de Oncoloxía do Hospital Clínico de Santiago e organizador do simposio, quen afirmou que "taxotere se ten convertido nun piar fundamental nos tratamentos de pacientes con cancro".

O cancro é un dos problemas sanitarios máis importantes da sociedade actual e tamén un dos que máis recursos logra reunir no campo da investigación. Dende hai dez anos os principios activos dos taxanos que se obteñen a partir das sementes da árbore do teixo (do latín taxus) son empregadas con éxito nas terapias para pacientes con cancro.

Compartir: