EDUCACIÓN

Xa están abertos os prazos para participar nos premios Vagalume e no concurso de carteis e programa de Nadal 2006

24/11/2006 A concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos, presentou a XIV edición dos premios Vagalume, programa que ten por obxectivo recoñercer o traballo que persoas individuais e colectivos da cidade realizan cunha clara vocación social.

Así mesmo, este galardón quere contribuír ao desenvolvemento de actitudes positivas cara o traballo social e estimular a cooperación, a solidariedade e a igualdade entre os composteláns.

Poderán presentar candidaturas todas as asociacións, entidades e institucións que realicen o seu traballo no municipio de Santiago. Cada candidatura deberá incluír unha breve biografía da persoa ou colectivo proposto, a exposición do traballo que realiza e que se considera obxecto de recoñecemento, e unha exposición razoada polo propoñente dos motivos que concorren no designado para a presentación da candidatura. Estas deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello dende o día 24 ata o 7 de decembro.
Haberá un premio individual e outro a unha entidade benéfica e social; ambos serán entregados nun acto público que se celebrará o día 26 de decembro ás 20 horas.

Tamén está aberto o prazo para presentar os traballos ao concurso de carteis e do programa Nadal 2006, actividade destinada a todos os escolares de educación infantil e primaria do concello. As obras deben ser entregadas no Departamento de Educación e Mocidade (Rúa do Vilar, 13) antes do vindeiro 29 de novembro. O debuxo gañador, que se dará a coñecer o 1 de decembro, ilustrará a portada do folleto das festas do Nadal. O acto de entrega celebrarase o día 20 de decembro no Salón Nobre do Concello.

Compartir: