MULLER

"Non esperes a que ocorra", lema do traballo gañador dos premios 25 de novembro contra a violencia de xénero

24/11/2006 María Ignacia Camiña, alumna de 4º da ESO do IES Rosalía de Castro foi a gañadora do primeiro premio da VI edición do concurso "Educando na convivencia en igualdade". O segundo galardón recaeu en Rebeca Bernárdez, do mesmo curso e do mesmo centro, cun debuxo no que se podía ler o lema "As bágoas non son o camiño".

Fixo entrega dos premios, una agasallo para cada alumna, 600 euros para a clase á que pertenza a gañadora e que teñen que ser destinados para actividades lúdico-educativas, e un lote de libros para o centro, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, que quixo lembrar aos rapaces a importancia de erradicar da nosa sociedade todo tipo de violencia.

A concellaría da Muller do Concello de Santiago, dentro do programa de prevención da violencia contra as mulleres, consciente da importancia do papel da educación escolar na adquisición de hábitos e concienciación sobre a necesidade de erradicar os comportamentos contra das mulleres en calquera das súas formas, institucionalizou no ano 2001 con motivo da celebración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, o devandito concurso explicativo sobre o tema dirixido ao alumado do segundo ciclo da ESO e de Bacharelato.

O concurso "Educando na convivencia en igualdade" ten como lema "a miña visión da violencia de xénero", e a través dos seus traballos, o alumnado reflexiona e amosa, mediante a realización dun debuxo cun texto explicativo, o que para eles é esta lacra social.

Este ano convocouse a VI edición dos premios e presentáronse 40 traballos do IES Rosalía de Castro, centro gañador das anteriores edicións.

Compartir: