ESPAZOS CIDADÁNS

O Concello traballa xa na implantación do proxecto europeo Smarter Together

09/03/2017 O Concello de Santiago está a traballar na implantación do proxecto Europeo Smarter Together, que ten como obxectivo mellorar a calidade de vida nas cidades a través das tecnoloxías intelixentes. Onte celebrouse a primeira reunión interdepartamental para afondar as áreas de traballo nas que se vai desenvolver a estratexia: plataforma integrada de datos, participación e compromiso cidadán, rehabilitación enerxética en edificios, mobilidade sostible, e "district heating" e enerxías renovable.

Compostela é socia do Smarter Together como cidade "seguidora", xunto con Venecia e Sofía. O proxecto está liderado polas chamadas "cidades faro": Lyon, Munich e Viena, que será onde se poñan en marcha ao longo de cinco anos as accións financiadas con 29 millóns de euros de fondos europeos do programa Horizon 2020. Santiago, como cidade seguidora, terá a oportunidade de participar para elaborar unha estratexia para unha cidade intelixente, coa colaboración de axentes internos do propio Concello e de axentes externos (cidadanía, asociacións, empresas).

Calendario de reunións
Como cidade seguidora, os representantes técnicos ou políticos do Concello de Santiago participarán nas reunións de traballo. As próximas celebraranse en Venecia os días 3 e 4 e maio, e en Sofía, do 7 ao 9 de xuño. Está previsto que se celebre outro workshop en Lyon no mes de xullo, e en Compostela terá lugar en outubro un encontro para reunir os socios do proxecto e crear unha plataforma de comunicación e intercambio de experiencias.

Compartir: