SANIDADE

O Diagnóstico de saúde do municipio de Santiago revela que os condicionantes son bastante positivos

23/11/2006 A concelleira de Sanidade, Elvira Cienfuegos, vén de presentar un avance do diagnóstico de saúde do municipio compostelán, un documento aberto, elaborado por un grupo de expertos da USC mercé a un convenio entre o Concello e a institución universitaria.

Trátase dunha ferramenta especialmente útil para os reponsables políticos, os técnicos e profesionais que traballen no campo da saúde, pero tamén ten gran valor para todas as persoas interesadas en mellorar a saúde a través de actuacións principalmente de carácter colectivo, pero tamén individual.

O estudo describe algúns dos factores que inflúen e modulan a saúde e o benestar dunha comunidade, como poden ser os ingresos familiares, o estatus socioeconómico, a educación, as redes de apoio social, o emprego, o medio físico, a bioloxía humana, o sistema sanitario ou os roles de xénero. Deste xeito, a través do diagnóstico podemos saber que a poboación de Santiago se duplicou na segunda metade do século pasado, que a esperanza de vida é alta ou que a poboación tende ao avellentamento. Tamén se recolle que é unha cidade fortemente marcada polo turismo, cunha importante presenza da Universidade e dos servizos e rodeada dunha coroa de asentamentos humanos que conservan un carácter profundamente rural.

En canto ao medio físico, o diagnóstico salienta o ruído como un dos principais problemas ambientais, e o que ocasiona o maior número de queixas por parte da cidadanía. Nun dos capítulos, aínda en fase de elaboración, o estudo permitirá coñecer as principais causas de enfermidade e de morte na cidade. Segundo salientou a titular de sanidade, Elvira Cienfuegos, o informe será de gran axuda á hora de determinar políticas orientadas a aumentar o nivel de saúde na poboación compostelá.

Direcciones relacionadas



Compartir: