IGUALDADE

A praza do Obradoiro acolle este luns a intervención artística "Sons cor violeta", de María Xosé Domínguez

03/03/2017 Este vindeiro luns, a partir das 20:00 horas, a praza do Obradoiro acolle unha intervención artística ao abeiro das actividades programadas pola Concellaría de Igualdade polo Día Internacional das Mulleres.

A encargada de facer a intervención é a artista María Xosé Domínguez, quen preparará unha serie de fotografías impresas e recortadas sobre Forex Print, con proxectores de fume, focos cor violeta e audio. Cada figura ten unha medida de 100 x 150 que, repartidas no espazo, ocupan aproximadamente 40 metros cadrados. Están recortadas a tamaño real e inseridas no espazo público para posibilitar a interacción co espectador e coa espectadora.

O obxectivo desta intervención é lembrar as 126 mulleres falecidas polo incendio da fábrica téxtil Triangle Shirtwaist, de Estados Unidos, o 25 de marzo de 1911. Por iso representarase unha posta en escena onde un grupo de mulleres realizan a súa xornada laboral. Créase unha atmosfera onde hai reminiscencias do pasado grazas á máquina de coser e ao tratamento da imaxe.

As fotografías pertencen a mulleres contemporáneas fotografadas póndose na pel das traballadoras da Sirtwaist de Nova York, mortas no gran incendio tras poñerse en folga. O fume cor violeta recrearase a través de proxectores, facendo referencia á cor usada polo movemento feminista. Trátase dunha homenaxe ás vítimas do incendio a través dunha experiencia visual onde se fusionan imaxes dixitais, iluminación, son e fume. Rememorar un feito histórico tráxico que tivo lugar o 25 de marzo de 1911, facer memoria, falar das duras condicións de traballo e desigualdade que sofren millóns de mulleres no mundo.

Literarias
Hoxe comeza outra das actividades deseñadas para o 8 de marzo. Do 3 ao 15 deste mes, as librarías de Compostela tínguense de violeta fomentando as publicacións de escritoras mulleres e a literatura de temática feminista. As librarías anotadas son Ciranda, San Pablo, Pedreira, Tirana, Lila de Lilith, Numax, Couceiro, Ler, Follas Novas, Chan da Pólvora e Cronopios, as bibliotecas Ánxel Casal, a Xeral da USC e a Concepción Arenal, e as editoriais Alvarellos e Positivas.

A acción Literarias en Compostela ten como principal obxectivo promover que as librarías, editoriais e bibliotecas de Santiago amosen no seus escaparates, zonas visibles, páxinas web, redes sociais e demais soportes en liña escolmas de libros escritos por mulleres e de pensamento feminista. É tamén obxectivo desta acción poñer en valor a obra escrita feminina que fomente os dereitos das mulleres, visibilice a loita feminista e permita ollar máis aló dos estereotipos sexistas.

Do mesmo xeito, pretende visibilizar a participación das escritoras nos diferentes xéneros literarios: poesía, teatro, ensaio, banda deseñada, novela, etc.

Compartir: