EDUCACIÓN E CIDADANÍA

"Starcach", "Ser docente a través da arte" e "Dimenome", gañadores da IX edición dos Premios Educacompostela

02/03/2017 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, presidiu esta tarde o acto de entrega dos premios da IX edición do certame Educacompostela. Foi nun acto no Salón Nobre do Concello no que estivo acompañado do concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, e da presidenta da Nova Escola Galega, María Dolores Candedo.

O xurado deliberou o pasado 3 de novembro, deixando constancia a alta calidade de todos os traballos presentados, así como as diferentes temáticas que se propuxeron. O alcalde de Santiago quixo sumarse a ese agradecemento destacando "a alta participación" nesta edición e parabenizou non só ás persoas premiadas, senón tamén a todos e todas as participantes.

Para o xurado foi unha deliberación complexa, que dá a medida do interese do profesorado de Galicia por innovar e elaborar propostas que poidan servir de modelo ou de guía para o quefacer educativo nas aulas. Destacaron tamén a variedade de temáticas recollidas nos traballos presentados nesta edición.

Starcach
O primeiro premio foi para o traballo titulado Starcach, do IES A Cachada de Boiro, na Coruña. O Xurado valorou este traballo pola temática que trata e pola diversidade de recursos educativos que propón. Considérase especialmente relevante a fundamentación que amosa o proxecto e o grao de implicación do alumnado no seu desenvolvemento.

Cómpre destacar igualmente a atención prestada á fenda de xénero no contexto dixital. Son de subliñar as respostas que ofrece o material para promover o uso e difusión da lingua galega a través dos videoxogos, a robótica e os medios audiovisuais, así como a utilización das redes sociais con fins creativos. Valórase especialmente o esforzo por crear sinerxias con outros centros educativos de Galicia para o desenvolvemento do proxecto.

Ser docente a través da arte
O traballo Ser docente a través da arte, presentado polo colectivo E.S.G.A.Z.A.D.O.S, levou o segundo premio do certame. Os gañadores e gañadoras son Vicente Blanco Mosquera, Salvador Cidrás Robles e Rocío Modia Vázquez.

Este proxecto foi destacado polos membros do xurado pola súa orixinalidade e polo esforzo por crear pontes entre a práctica docente e a creación artística. Os materiais presentados no proxecto promoven o pensamento crítico para poder cuestionar os nosos propios roles e en que medidas son froito da elaboración persoal ou unha imposición sociocultural. Valórase o desenvolvemento desta iniciativa, especialmente nun momento no que a creación artística amósase desvalorizada no currículo escolar.

Dimenome
Finalmente, o terceiro premio recaeu sobre o traballo titulado Dimenome, presentado por Silvia López Gómez. Neste caso, o xurado quixo destacar o coidado deseño do material, que ademais se presenta dende unha perspectiva pedagóxica. Ofrece ademais numerosas posibilidades de traballar en diversos contextos e públicos diversos, así como o seu carácter manipulativo. Mención especial merecen as posibilidades que ofrece a proposta para traballar con alumnado con diversidade funcional en contextos "formais" e "non formais". É de destacar a adaptación do material ao contexto galego, o que se ve reflectido na súa proposta de actividades e nas imaxes ofrecidas.

Mención especial
Por outra banda foi preciso realizar unha mención especial ao traballo Vivenciando a Idade Media. Unha viaxe dende os xéneros dialogados medievais á regueifa, presentado por Tania Vázquez García. Este traballo é destacado polos membros do xurado pola orixinalidade e innovación á hora de tratar a Idade Media na etapa de Bacharelato da materia de Lingua e Literatura Galega.

O material ofrece un número interesante de propostas e iniciativas con fin de construír coñecementos históricos a partir da literatura, así como a relacionar a literatura con manifestacións máis próximas aos adolescentes, mediante o estudo das influencias da lírica medieval noutros ámbitos culturais.

Compartir: