IGUALDADE

O espectáculo "Bravas e diversas", de Chévere, centra a programación para o vindeiro 8 de marzo

02/03/2017 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, deu a coñecer os detalles da gala que o Concello e Chévere teñen preparada para o vindeiro 8 de marzo no marco da campaña polo Día Internacional das Mulleres. Na rolda estivo acompañada de parte do persoal do espectáculo: Patricia de Lorenzo, Mónica García, Arantza Villar, Esther Carrodeguas, Clara Gayo e Renata Otero.

Marta Lois explicou que "esta gala é o epicentro de todas as actividades que desenvolvemos durante o mes de marzo para conmemorar o Día Internacional das Mulleres". Chévere propón un espectáculo "cun soporte teatral, pero aberto a outras linguaxes como a música, a danza e os elementos visuais e plásticos e cunha duración arredor de 75 minutos".

Trátase dun formato que se alimenta da experiencia adquirida en centos de Ultranoites, un cruce de camiños entre o cabaré, o teatro de variedades e o musical. A idea é aproveitarse de todos eles, pero sen a pretensión de reproducir o que é a Ultranoite, senón de recreala e adaptala ao contexto do 8 de marzo.

Sinopse
As encargadas de conducir o espectáculo serán As Fillas Bravas, unha creación de Chévere dentro da súa liña de teatro con perspectiva de xénero. Son tres mulleres maiores que percorren aldeas, vilas e cidades cos seus cantos emancipatorios, recollendo a tradición dos cantos femininos para elaborar un discurso empoderador. As Fillas Bravas levan feitas máis de 80 actuacións por toda Galicia, moitas delas para públicos adolescentes e outras tantas para públicos maiores e de zonas rurais, conectando sen dificultade con todos eles. Actualmente percorren tamén as parroquias de Compostela no marco das actividades programadas para o 8 de marzo.

O espectáculo terá un ton festivo, pero ao mesmo tempo reivindicativo, centrándose en aspectos relacionados co traballo das mulleres e outros temas como a corresponsabilidade, os coidados ou a conciliación laboral.

Para este proxecto construíuse unha equipa formada maioritariamente por mulleres, xa que o obxectivo pasa tamén pola visibilización do traballo artístico feito por mulleres. O espectáculo será no Teatro Principal a partir das 20:30 horas e a entrada é de balde ata completar aforo. As entradas poden retirarse na billeteira do propio Teatro.

Obradoiros previos
Co gallo de ampliar a participación e non limitarse ao sector artístico, realizáronse tres obradoiros con colectivos da cidade, que permitiron recoller historias e contidos.

O primeiro realizouse en colaboración con Xiara, Asociación de Traballadoras do Fogar, e estivo dirixido e dinamizado por Esther Carrodeguas. O obxectivo pasou por compartir experiencias, inquedanzas, problemas e sentimentos coas traballadoras do fogar asociadas nun espazo de participación lúdica.

O segundo obradoiro consistiu nun encontro-actuación con mulleres rurais e maiores para tratar o tema dos coidados no medio rural. Levouse a cabo o pasado 26 de febreiro no CSC da Enfesta e consistiu nunha representación dr As Fillas Bravas cun posterior coloquio coas asistentes para descentralizar a actividade fóra do casco histórico.

O terceiro obradoiro realizarase esta fin de semana e está dirixido a oito pais. Trátase de crear unha peza breve de menos de cinco minutos dirixida pola bailarina e coreógrafa Marta Alonso, coa que se quere tratar o tema da corresponsabilidade no fogar e no coidado nosos fillos e fillas. A idea é usar obxectos como carros de bebé, mochilas ou carros da compra. Non é necesaria experiencia previa nin ter ningún tipo de formación en danza. Dó cómpre ter ganas de participar nunha experiencia de creación colectiva a través do corpo e o movemento e o atrevemento necesario para compartir o escenario co grupo Chévere.

Faranse dúas sesións de preparación que están previstas para os días 4 e 5 de marzo, adaptándose á dispoñibilidade das persoas participantes.

Compartir: