INFRAESTRUTURAS

Santiago verá melloradas as infraestruturas que a unen co norte da provincia da Coruña

23/11/2006 A Comisión de Infraestruturas da Deputación da Coruña informou favorablemente, e por unanimidade, sobre dous proxectos que buscan a mellora da rede de infraestruturas viarias que une a cidade compostelá cos concellos do norte da provincia coruñesa.

O primeiro dos proxectos centrarase na estrada provincial 7804 desde Agro do Mestre ata Ponte Alvar, vial importante de conexión de Santiago co concello de Trazo e arredores. Na actuación, que abarcará 5 kilómetros e 260 metros, contémplase a ampliación da plataforma a 9 metros, tres e medio por carril e un metro para cada arcén, ademais da modificación do trazado actual eliminando curvas perigosas co obxectivo de aumentar a seguridade da estrada. O proxecto está dotado cun presuposto de 2.553.094 euros, incluindo as expropiacións necesarias e a reposición dos servizos afectados.

Co segundo proxecto mellorarase de xeito sensible o tramo que trascorre desde Ponte Alvar ata o seu entronque coa estrada provincial que une Santiago con Santa Comba. Esta segunda actuación, de 6 kilómetros 399 metros, conta cun presuposto de 2.934.055 euros, e tamén contempla un aumento da plataforma e a mellora do trazado.

O deputado provincial, Francisco Candela, cualificou o anuncio de "boa nova" e lembrou que satisface unha demanda importante dos habitantes de Santiago e os municipios veciños, tales como Trazo e Tordoia. Candela puxo data á contratación das obras: será en 2008. Antes, o vindeiro xoves, os proxectos serán aprobados polo Pleno da Deputación.

San Lourenzo

Francisco Candela tamén se referiu ás obras no vial de San Lourenzo. Salientou o deputado provincial que se está a traballar a bo ritmo e que un dos laterais está case rematado. A Deputación conta con rematar esta fase antes do 31 de decembro e, a partir dese momento, cederlle o vial ao Concello de Santiago.

Compartir: