POLÍTICAS SOCIAIS E DIVERSIDADE

Aberta a exposición de pintura de María Maquieira no marco das actividades polo 8 de marzo

01/03/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidades e Saúde, Concha Fernández, deu a coñecer esta mañá a exposición de pintura que se inaugura esta tarde na Fundación Eugenio Granell, e que se poderá visitar ata o 26 de marzo.

Na rolda, a concelleira estivo acompañada pola artista, María Maquieira, quen a pesar da súa diversidade funcional é quen de realizar un impresionante traballo. Tamén participou nesta presentación a presidenta de Tiresias Galicia, Lourdes Díaz.

Concha Fernández encomiou "a fermosa exposición que poderemos ver a partir de hoxe ao abeiro das actividades polo día Internacional da Muller" e convidou a todos e a todas a "achegarse esta tarde pola Fundación Granell para participar da mesa redonda que servirá de posta en marcha da exposición, que se pode ver ata o 26 de marzo".

María Maquieira
Esta coruñesa é licenciada en Historia da Arte, coa especialidade en Arte Contemporánea e en Museoloxía, na Universidade de Santiago de Compostela. Como historiadora da arte, desenvolveu a súa profesión como bolseira na Fundación Eugenio Granell de Santiago de Compostela (2007), impartindo clases como profesora en prácticas de Historia da Arte no Instituto Vale-Inclán de Pontevedra (2009), e durante case dous anos, como investigadora e catalogadora no Museo Provincial de Pontevedra (2009-10), onde tamén impartiu talleres e clases de Debuxo e Pintura para nenos e adultos.

No ano 2010, a Deputación da Coruña concédelle unha bolsa para a ampliación de estudos artísticos, permitíndolle trasladarse a Roma, onde estudou un Máster en Pintura en Libéraa Accademia dei Belle Arti (RUFA); bolsa renovada en 2011, e empregada para realizar un curso de gravado na mesma universidade. Durante o 2012 e ata febreiro de 2014, traballa como asistente de artista na Fondazione Pastificio Cerere, situada na capital italiana.

Como ilustradora, realizou proxectos para publicacións e eventos españois como italianos. Un exemplo de 2014 é a ilustración do último disco do músico siciliano Daniele Chiaramida ou a constante colaboración coa escritora galega María Von Touceda, ilustrando os poemas que publica na revista cultural en liña Cocktail party effect.

María Maquieira traballa tamén como escenógrafa. Dentro dos seus proxectos máis importantes atópanse as escenografías realizadas para o espectáculo flamenco Pinceladas, ideado por Loredana Ruggieri, da compañía Proxecto Esquina Flamenca.

Compartir: