IGUALDADE

O Concello de Santiago e Inversa Teatro convidan a un "Té con Kant" polo Día Internacional das Mulleres

01/03/2017 O salón amarelo do Pazo de Raxoi acolleu esta mañá unha breve representación teatral da obra de teatro Té con Kant. Serviu como aperitivo do que o estudantado de Filosofía de Bacharelato dos centros públicos de Compostela poderán ver o vindeiro luns 6 de marzo, a partir das 11:30 horas, no Paraninfo de Historia da USC.

A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou así este obra na compaña dunha das actrices da peza, Marta Pérez, de Inversa Teatro. É unha das actividades que ten programada a Concellaría de Igualdade para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres.

Té con Kant é un proxecto experimental que conxuga o ensaio filosófico e a creación escénica, xogando co humor e a ironía para obter unha peza de teatro íntimo próxima ao formato de teatro-didáctico-conferencia, onde as súas actrices, María Roja e Marta Pérez, tentan exercer como axitadoras filosóficas coa pretensión de remover e promover a reflexión (e acción) do público asistente ao redor da problemática moral nos nosos días, así como examinar as vantaxes e inconvenientes morais da época ilustrada.

Baixo o espectro do seu amigo, o filósofo Inmanuel Kant, exploran o porqué do fracaso da ilustración e a súa absoluta confianza na razón humana para dar paso á nosa época post-moderna na que predomina o fragmento e a decepción. Todo iso, será razoado entre as creadoras e o público baixo a invitación dun exquisito té.

Historia
María Roja e Marta Pérez son Theodora Kraus e Johana Gottfried, dúas mulleres ilustradas de clase alta nadas en 1750 e 1748 respectivamente na cidade de Königsberg, na Prusia Oriental, hoxe en día rebautizada como Kaliningrado. Coetáneas de pensadores, matemáticos e filósofos como Inmanuel Kant, Rosseau, Voltaire, Motesquieu, Johann George Hamann, Lessing, Leonhard Euler, David Hume... viven e sofren a discriminación de non ter acceso á universidade por ser mulleres. Ante esta inxustiza cometida polo propio sistema e como herdeiras das primeiras feministas da historia durante o Medievo francés como Christine de Pisan e Olympia de Gouges, deciden nunha das súas reunións nos salóns de mulleres da súa época, un acto de revelación: travestirse para ter acceso a algo que a historia lles roubou e que merecen por dereito propio, isto é: acceso ao saber.

Na universidade tópanse co pigmalión intelectual dunha época, Inmanuel Kant, que lles ofrece unha postura irenista entre os dous grandes movementos do momento: o empirismo (con David Hume á cabeza) e o racionalismo (abandeirado por Christian Wolff). Viven nas súas carnes o "espertar do soño dogmático" que lle producen a Kant as lecturas de Hume e as convulsas disputas filosóficas entre Kant e Hamann sobre a confianza absoluta na razón que o primeiro manexaba e o segundo transgredía co seu "Sturm und drang" (tormenta e ímpeto). Saborean os pratos de disertacións filosóficas na casa de Kant como convidados convertidos en Theodor e Johan, ata que a súa delicia vese truncada nun xogo do destino.

Marta Lois amosouse "moi satisfeita" por poder contar en Santiago "cunha obra desta calidade artística e máis cunha temática coma a que nos achega Té con Kant, que nos amosa as desigualdades de xénero que existían na época e que nos fai reflexionar tamén sobre as desigualdades de xénero na actualidade".

Compartir: