TURISMO

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade promociona os seus destinos en Perú e Arxentina

24/02/2017 O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade continúa a súa promoción da man de Turespaña no mercado americano, coa participación en varias accións comerciais que se desenvolverán entre o 28 de febreiro e o 3 de marzo en Perú e Arxentina.

Esta campaña foi organizada por Turespaña e coordinada pola Oficina Española de Turismo de Buenos Aires, dirixida por Francisco Javier Arroio, e colaboran de maneira destacada as Embaixadas de España en Lima e Buenos Aires.

A primeira das promocións terá lugar o 28 de febreiro en Perú, na Embaixada de España en Lima, nun acto ao que asistirán medio centenar de turoperadores e medios de comunicación, a quen as Cidades Patrimonio e Paradores mostrarán a súa complementaria oferta, co fin de prescribir España como destino prioritario nas viaxes a Europa dos turistas peruanos.

A acción comercial continuará o 2 de marzo en Arxentina cun xantar de traballo seguido de entrevistas no que participará unha selección dunha ducia de xornalistas de medios especializados en viaxes, como diarios, revistas e blogs. Esa mesma tarde, a Embaixada de España será o escenario para unha presentación á que foron convidados un centenar de profesionais do turismo especializados na organización de viaxes a Europa con vertente cultural e diversos medios de comunicación.

Por último, o Colexio Profesional de Ciencias Económicas acollerá o 3 de marzo un acto no que se darán a coñecer as Cidades Patrimonio e Paradores como destino para un público de poder adquisitivo alto, ao que asistirán membros dos colexios profesionais de Economistas e Avogados, así como titulares de cartóns Visa.

Os mercados emisores de Perú e Arxentina
No contexto da chegada de turistas estranxeiros a España, que en 2016 volveu bater un récord histórico, con 76 millóns de visitantes internacionais, destacan os case 600.000 viaxeiros procedentes de Arxentina, cifra que supón unha subida da 40% fronte ao ano anterior. Un mercado emisor moi interesante para as Cidades Patrimonio, de gran potencial e que mantén un excelente comportamento, do mesmo xeito que Colombia e México. Así mesmo, dende a supresión en 2016 do visado para os turistas procedentes de Perú, España está a converterse nun dos destinos favoritos nas súas viaxes ao estranxeiro.

Plan Operativo de Turismo do Grupo
Estas accións comerciais enmárcanse no Plan Operativo de Turismo do Grupo e son froito dos convenios de colaboración que a rede mantén con Turespaña e con Paradores. O acordo con Turespaña iniciouse en 2001 e permite a realización conxunta e coordinada de accións de márketing ao redor da marca Cidades Patrimonio da Humanidade de España nos mercados internacionais. Así, as 15 Cidades Patrimonio estarán presentes nas feiras máis importantes do mundo, como a Reisen de Hamburgo, Vakantiebeurs de Utrecht, Salon des Vacances de Bruxelas, Salón do Turismo de París, ITB de Berlín, JATA de Tokio, WTM de Londres, CTIM de Shangai, ITB Asia de Singapur, e a WTM de Sao Paulo. Ademais, sucederanse presentacións directas en mercados de orixe como as citadas en Lima e Bos Aires, Bruxelas, Roma, Londres, Moscova, Varsovia, Berlín, Sueste Asiático, entre outras. Tamén se seguirá colaborando na organización de viaxes de familiarización ás Cidades Patrimonio de xornalistas e turoperadores para que coñezan de primeira man estes destinos.

En relación á vinculación do Grupo con Paradores, a renovación da mesma durante a pasada edición de FITUR permitirá ao longo de 2017, ademais de presentacións conxuntas, a organización de viaxes de familiarización para xornalistas e turoperadores, concursos e campañas de márketing, promocións e ofertas para o público, así como un programa de vantaxes para os "Amigos de Paradores" que se aloxen nos establecementos da rede das Cidades Patrimonio.

Compartir: