ALCALDÍA

O alcalde destaca que Rosalía é "un patrimonio reivindicado por todas e todos os galegos"

23/02/2017 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, participou no acto de homenaxe a Rosalía de Castro organizado pola Deputación da Coruña ao pé da estatua da escritora na Alameda compostelá, monumento que este 2017 cumpre cen anos. Esta lembranza enmárcase nos actos en torno ao Día de Rosalía (24 de febreiro), no 180 aniversario do nacemento da poeta.

No transcurso do acto, o alcalde incidiu en que Rosalía "foi unha muller rebelde e libre, que reivindicou a loita de xénero cando moi poucos falaban diso". Martiño Noriega salientou que "malia habitar espazos incómodos hai cen anos, hoxe a escritora é un patrimonio reivindicado por todas e todos os galegos". Nese sentido, lembrou a unanimidade que conseguiu a proposta de que o aeroporto de Santiago leve o nome de Rosalía de Castro, "aquela tola que nos fixo a todos entolecer para reivindicar un país diferente".

O acto de homenaxe contou tamén coa participación do presidente e da vicepresidenta da Deputación, Valentín González Formoso e Goretti Sanmartín Rei; do presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez Iglesias; e do presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira. A cerimonia contou coa actuación musical do grupo Habelas Hainas, que interpretou diversos temas de Rosalía de Castro, e coa lectura de poemas por parte de rapazas e rapaces de distintos institutos de secundaria de Santiago.

Cen anos da estatua de Rosalía na Alameda
Ademais, a Deputación da Coruña entregou o libro Quen fora pedra, editado pola institución, no que o investigador Miguel Anxo Seixas percorre a historia da estatua dende que foi proxectada, pasando polo sistema de micromecenado social para a súa construción ou os debates que se crearon arredor da iniciativa até os actos históricos que se celebraron na súa contorna.

O acto é o preámbulo da conmemoración que a mesma Deputación organizará para celebrar o centenario do monumento e no que se lembrará o acto inaugural histórico e a colaboración popular na construción da emblemática estatua.

O título do libro e da homenaxe recolle un verso da propia escritora do poema "Amigos vellos", que forma parte do libro Follas Novas. Dende a Deputación fíxose tamén un chamamento para se fotografar ao pé da estatua e publicar os retratos nas redes sociais cos cancelos #quenforapedra e #Rosalía1917_2017.

Compartir: