DÍA DE ROSALÍA

Concerto homenaxe a Rosalía de 2naFronteira no Principal

23/02/2017 O Concello de Santiago continúa conmemorando os 180 anos do nacemento da poeta compostelá Rosalía de Castro. Por iso, este venres, a partir das 20:30 horas, haberá un concerto no Teatro Principal para homenaxeala no Día de Rosalía.

O concerto será a cargo do grupo 2naFronteira que, en formato trío, interpretarán unha selección de temas de marcado carácter rosaliano. Estarán acompañados pola percusionista Marta Figueiredo. As persoas asistentes poderán escoitar cancións de varios dos seus discos e algunhas inéditas que serán dedicadas á poeta.

Algunhas das composicións son textos de Cantares gallegos que eles mesmos musicaron e outras son poemas que dedicaron outros autores a Rosalía, como Otero Pedrayo ou mesmo García Lorca. Levan anos versionando poemas que dalgunha maneira representan a Rosalía de Castro e que inclúen habitualmente nos seus concertos.

O grupo 2naFronteira interpretou parte deste repertorio no Parlamento de Galicia, cando se publicou o facsímile de Cantares Gallegos, ou na Deputación de Pontevedra, na entrega do premio Otero Pedrayo a Neira Vilas; e recentemente, na Casa da Matanza, na Casa Museo de Rosalía, co piano da súa familia.

Esta será a primeira ocasión na que farán un espectáculo dedicado exclusivamente a ela e preparado especialmente para esta ocasión e nunha data tan sinalada, como son os 180 anos do seu nacemento. O concerto será ás 20:30 horas no Teatro Principal e a entrada é libre até completar aforo, previa retirada de billetes na billeteira do Teatro o día do concerto.

Compartir: