EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Fonseca acolle unha mostra de debuxos dos nenos e nenas do gueto de Terezín

13/02/2017 Os nenos e nenas que viviron e debuxaron o Holocausto. Debuxos dos nenos do gueto de Terezín é o título dunha exposición que recolle máis de 30 debuxos de nenas e nenos que viviron no campo de internamento nazi de Terezín (actual República Checa) entre 1940 e 1945. A mostra poderá visitarse ata o 24 de febreiro no claustro alto (primeiro piso) do Pazo de Fonseca, en horario de luns a venres, de 9:00 a 21:00, e os sábados ata as 13:00 horas. Os centros de ensino poden reservar visitas guiadas.

A mostra está organizada pola Comunidade Xudía de Galicia, o Centro Checo de Madrid, a USC e a Asociación de Amigos da Ópera de Santiago. Para a realización de visitas guiadas á exposición, os centros de ensino deben poñerse en contacto coa USC a través do correo electrónico area.cultura@usc.es ou do teléfono 881 811 020. Estas visitas escolares guiadas realizaranse os luns e os mércores de 11:00 a 13:00 horas.

A historia
Aínda que os datos numéricos do ocorrido en Terezín poden variar segundo as diferentes fontes consultadas, estímase que naquela cidade fortificada situada a pouco máis de 60 quilómetros de Praga morreron máis de 35.000 persoas. Os nazis elixiron ese lugar para tratar de amosar unha realidade falsa coa que intentar convencer ao mundo de que "a solución final" ideada como plan sistemático de exterminio dos xudeus non era máis que propaganda dos aliados.

De aí a pretensión nazi de presentar Terezín como "unha cidade balneario" administrada pola propia comunidade xudía na que os reclusos podían traballar, educar ás súas fillas e fillos e realizar moitas actividades culturais, deportivas e doutro tipo. Os feitos foron outros: esta antiga cidade fortaleza construída no século XVIII, logo guarnición militar e daquela convertida polos nazis nun gueto, foi o emprazamento onde as SS concentraron persoas xudías para logo deportalas a campos de concentración e de exterminio.

Nese contexto, a vida en Terezín aínda permitiu que se producise unha actividade educadora. Este labor creativo desenvolvido polos nenos e nenas recluídos tivo moito que ver co traballo dunha muller, Fredericke Dicker-Brandeis, "Friedl", dinamizadora das clases de arte para a poboación infantil, quen tamén deseñou os decorados e o vestiario da ópera Brundibár, do compositor checo Hans Krása, igualmente detido naquel campo de internamento que era antesala do centro de exterminio de Auschwitz, onde ela, o seu marido e moitos dos seus alumnos e alumnas foron camiño da morte no mes de setembro de 1944.

Pero daquel traballo dinamizador conserváronse miles de debuxos, centos de poemas e moitos diarios que dan fe da verdadeira realidade que agochaba aquela fortaleza, que foron descubertos logo da liberación dos prisioneiros o 8 de maio de 1945. Hoxe en día consérvanse moitos deles no Museo Xudeu de Praga.

Representacións e guía didáctica
Esta exposición dá continuidade ás dúas representacións da ópera infantil Brundibár, de Hans Krása, que tiveron lugar os pasados días 17 e 18 de decembro de 2016 no Teatro Principal de Santiago e no Teatro Afundación de Vigo. Con tal motivo, o Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago colaborou coa Asociación de Amigos da Ópera de Santiago con diferentes propostas.

Publicouse unha guía didáctica da dita ópera, elaborada polas profesoras Mercedes Blanco e Adela T. Maroño, na que se desenvolven diferentes aspectos como: a ópera Brundibár e o seu contexto histórico; o argumento, as personaxes e os instrumentos do espectáculo; actividades previas e posteriores arredor da ópera; bibliografía, discografía e webs, entre outra documentación. Este texto foi distribuído entre o profesorado e persoas interesadas en traballar didacticamente en prol da educación para a paz e a convivencia, así como na loita contra todo tipo de violencia, racismo ou xenofobia. Este material didáctico pódese pedir ao Departamento de Educación e Cidadanía, dptoeducacion@santiagodecompostela.gal.

Compartir: