RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

Unha nova serigrafía para agasallo institucional recolle a imaxe da máis moderna e dinámica Compostela

22/11/2006 Os visitantes máis ilustres de Raxoi recibirán como agasallo unha nova serigrafía, obra do artista Zurzo Martiño. Trátase dunha representación de Compostela en catro cores, que amosa "unha visión nova de Santiago, moderna, dinámica e adecuada á arte actual", segundo apuntou a concelleira de Presidencia e Relacións Institucionais, Teresa García-Sabell.

As cores elixidas son o negro, o o vermello, o verde e o ocre. Tal como explicou o artista, o negro actúa a modo de sombras, partindo da Catedral para unir o resto de edificios da cidade. O vermello escolleuse para os tellados e a unión das casas entre si. Os verdes aluden ás zonas verdes da cidade e o ocre destinouse ás casas. O Concello encargoulle esta obra a Xurxo Martiño "porque ten unha linguaxe moi marcada pola arquitectura", indicou a concelleira.

Para a representación, o artista escolleu o formato apaisado "porque Santiago é unha cidade horizontal". Editaranse 500 serigrafías, 250 cunhas cores con máis sombras e 250 de tons con máis luz. As ilustracións, de 50 x 30 centímetros, entregaranse nun cartafol. Para este encargo, o Concello destinou 20.763 euros.

Nado en Vimianzo e residente en Compostela, Xurxo Martiño é un artista que ten recibido numerosos recoñecementos ao longo da súa traxectoria, coma o primeiro premio de pintura José Malvar de novos valores. Pódese dicir que é un artista conceptualista, ligado co realismo de novo selo, no que abstrae e idealiza a partir de referencias concretas.

Compartir: