ALCALDÍA E POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello ratifica a súa vontade de colaboración coa Fundación Andrea

06/02/2017 O alcalde, Martiño Noriega, e a concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, visitaron esta mañá a sede da Fundación Andrea, na Barcia, para manter unha xuntanza de traballo coa presidenta da entidade, Charo Barca. O alcalde ratificou o compromiso de colaboración "cunha fundación que leva anos facendo un traballo impagable para humanizar a atención sanitaria aos nenos e nenas enfermos de longa duración, e para mellorar a vida das súas familias".

O Concello vén colaborando coa Fundación Andrea tanto a través dunha achega económica como coa cesión dun inmoble, que a entidade converteu nunha das súas "casiñas" para seren utilizadas polas familias de nenos e nenas con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais. Martiño Noriega incidiu en que o labor da entidade que preside Charo Barca demostra que "aínda que teñamos unha sanidade pública de referencia deixa un espazo non cuberto: o coidado dos que coidan". Nesa liña, Martiño Noriega agradeceu o traballo da Fundación Andrea "para atender a desestruturación familiar que supón un neno ou nena enfermo, e que pode quedar opacada polo drama do menor".

Colaboración consolidada
A presidenta da Fundación Andrea aproveitou a visita do alcalde e da concelleira de Políticas Sociais para agradecer "o apoio que vén prestando o Concello, e que permite manter tanto a casiña da entidade como as súas actividades de psicoterapia". Charo Barca explicou que ao longo de 2016 foron 250 familias as que pasaron polas súas "casiñas", e a entidade entregou 50 bolsas para distintas terapias e 200 bolsas de manutención. Ademais, recordou o traballo que ven facendo a Fundación para humanizar o hospital "para que sexa un lugar máis amable para os nenos e nenas enfermos e para as súas familias".

Na reunión, o alcalde, a concelleira de Políticas Sociais e os responsables da Fundación Andrea mostraron o seu interese por seguir colaborando e buscando liñas de cooperación, en prol dos nenos e nenas con enfermidades de longa duración ou crónicas e das súas familias.

Compartir: