ACCIÓN CULTURAL

ButacaZero e Eme2 dan voz a Maruxa e Coralia Fandiño en "Voaxa e Carmín"

06/02/2017 ButacaZero e Eme2 presentan esta semana no Teatro Principal Voaxa e Carmín, dentro da programación teatral da Concellaría de Acción Cultural. A obra, que dá voz a Maruxa e Coralia Fandiño Ricart, As Marías, está protagonizada por Mabel Rivera e Belén Constenla e poderemos vela en catro funcións, do mércores 8 ao sábado 11, todas ás 20:30 horas.

Mañá martes, haberá un faladoiro previo arredor da obra e da historia de As Marías, ás 20:30 horas no Teatro Principal e con entrada libre. Participarán as dúas actrices, Mabel Rivera e Belén Constenla; a autora do texto, Esther F. Carredeguas; e dous coñecedores da historia de Maruxa e Coralia: Encarna Otero e Xosé Luis Bernal "Farruco".

Trátase dunha proposta de teatro de actrices que parte dun texto, de Esther F. Carredeguas, que mestura o popular co contemporáneo cunha escenificación que nos amosa unha Compostela virtual, deseñada por Roi Fernández (Sr.Pause) pola que pasean os personaxes. Voaxa e Carmín é unha comedia terrorífica que dá voz a Maruxa e Coralia Fandiño Ricart, coñecidas como As Marías de Santiago de Compostela. Son moitas as persoas que día a día se fotografan coa estatua que as representa no paseo da Alameda, mais… saben todos eles a crúa historia que hai detrás delas? Voaxa e Carmín nace para lles dar voz a estas estatuas silenciadas.

Maruxa e Coralia saen da casa, como cada día, maquilladas ata a extenuación e vestidas a toda cor dispostas a dar o seu habitual paseo das dúas polas rúas de Compostela. Pasear, saudar, mercar Sansón e galletas María, piropear aos mozos, insultar ás mozas… Todo parece transcorrer sen cambio algún. Porén, hoxe non vai ser un día coma os outros: Coralia empurra a Maruxa a escapar das súas rutinas, tentando cumprir os seus soños. Arrancará así unha viaxe que abrirá feridas de guerra que volverán doer coma o primeiro día.

Entradas
As entradas poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas), en entradas.abanca.com ou no 902 434 443 a un prezo de 10 euros (5 euros para desempregados, maiores de 65 anos, xubilados, menores de 25 anos, estudantes, familias monoparentais, familias numerosas e perceptores de rendas sociais).

Compartir: