ACCIÓN CULTURAL

Marta Bran inaugura este venres na Zona "C" o proxecto "Once Upon a Time"

02/02/2017 A artista Marta Bran (Melide, 1986) presenta este venres 3 de febreiro, ás 20:00 horas, na Zona "C", o proxecto Once Upon a Time acompañada, no acto inaugural, pola concelleira Marta Lois. A intervención, con entrada libre, poderá verse ata o vindeiro 2 de abril en horario de martes a sábado de 16:00 a 20:00 e domingos de 14:00 a 19:00 horas (luns pechado).

Once Upon a Time é a última das intervencións seleccionadas na primeira convocatoria de apoio á creación en artes visuais da Zona "C". Trátase dun proxecto concibido especificamente para este espazo pola artista Marta Bran, no que pequenos anacos de pintura emerxerán sobre a parede da sala de exposicións conformando unha paisaxe fragmentada dunha fraga chea de detalles.

Nesta instalación está presente a especial relación de Marta Bran coa pintura: "o tempo da pintura é totalmente diferente ao doutras disciplinas, favorece o feito de pensar e reflexionar profundamente durante moitas horas estando en soidade", indica. Marta ocupará o espazo e farao seu. Unha multitude de faragullas de pan, creadas en cerámica, darán forma a unha paisaxe expandida e fragmentada na que un escenario bucólico tinguido de situacións cotiás será o principal protagonista. Deste xeito existirá unha atmosfera envolvente na que haberá que descubrir a diferentes personaxes agochadas entre a natureza. Francesco Careri falaba do "andar como práctica estética". Este proxecto rescata a "deambulación surrealista" como método de traballo e experimentación.

Ao mesmo tempo, Once Upon a Time deu continuidade á exposición individual Picnic, inaugurada na Galería Trinta de Santiago de Compostela no ano 2014. E, sendo máis precisos, á serie Conversas cunha torrada.

Arte postal: Érase unha vez
Uns días antes da inauguración Marta levará a cabo unha acción –en formato de arte postal– en diferentes rúas da cidade de Santiago de Compostela. Dito contido, distribuído durante unha semana, versará sobre o fío argumental do proxecto expositivo. A través de catro envíos, a un mesmo destinatario, cada individuo poderá reconstruír unha pequena historia. De forma inesperada, este público fortuíto verase envolto nunha obra de arte contemporánea, sendo a súa caixa do correo –por uns días– outro modelo de espazo expositivo. Deste xeito, Marta pretende saír das vías tradicionais de exhibición da arte e, con isto, achegar ao público xeral a maxia da arte postal ou mail-art, que irrumpiu na escena artística internacional a mediados dos anos 60 do século pasado. Un movemento que, sen dúbida, foi un dos principais antecedentes da arte de Internet e dos Social Media en particular. Un "paseo" pautado polos barrios e rúas do casco histórico próximas á Zona "C". A idea de "deambular" foi o principal leitmotiv do proceso creativo de Once Upon a Time, a instalación pictórica de carácter expansivo que inspira esta actividade de mediación.

Marta Bran
Melide (A Coruña), 1986. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo en 2009. Combina a creación artística, a investigación, a docencia e escribe textos sobre arte para diferentes publicacións. Na actualidade está concluíndo a súa tese doutoral, enmarcada no programa de doutoramento en Arte contemporánea, creación e investigación da universidade na que se titulou.

Entre as súas exposicións máis relevantes, destaca Picnic, proxecto individual inaugurado en 2014 na Galería Trinta de Santiago de Compostela. Unha presentación pública significativa xa que, dende esa data, Trinta represéntaa como artista. O pasado mes de febreiro de 2016, coincidindo coa semana de ARCO, foron da man á feira Drawing Room Madrid. De forma colectiva en Galicia, expuxo en espazos como o MARCO (Vigo), a Fundación RAC (Pontevedra), o Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela), a Fundación Seoane (A Coruña) e o Centro Torrente Ballester (Ferrol), entre outros. A nivel nacional, en diferentes salas de exposicións de León, Bilbao, Madrid e Barcelona. A nivel internacional, en Portugal e recentemente na Galería POST de Kaunas (Lituania). En relación aos galardóns recibidos ao longo dos últimos anos, hai que subliñar o terceiro premio da Deputación de Ourense 2015, Xuventude Crea 2014 e Novos Valores 2012, ademais do primeiro premio Fundación Carriegos 2009. Foi seleccionada no I Encontro Cidade da Cultura 2011 e en 2012 participou no proxecto colectivo Container INSIDE neste mesmo lugar.

Compartir: