ACCIÓN CULTURAL

Nace "Compostela é Música", un censo online dos grupos e músicos profesionais de Santiago

02/02/2017 O alcalde presentou hoxe Compostela é Música, un proxecto impulsado pola sección local da asociación Músicos ao Vivo e que conta co apoio do Concello de Santiago. Martiño Noriega estivo acompañado por tres dos membros dese colectivo: Nastasia Zürcher, Xabier Mera e Xacobe Martínez Antelo. Compostela é Música será unha plataforma online que pretende cartografar a escena musical da capital galega. O obxectivo é crear un censo oficial, público e actualizado, que poderá ser utilizado polos programadores culturais públicos e privados, e que servirá tamén como lugar de encontro para os propios artistas.

Martiño Noriega salientou que a creación desta plataforma online facilitaralle ao propio Concello o coñecemento e o contacto cos músicos de Compostela, á hora de deseñar a súa propia programación cultural. O alcalde lembrou que "para o Goberno é unha prioridade que os artistas locais teñan a oportunidade de mostrar o seu potencial". Nesa liña, recordou que o Concello vén organizando ciclos con músicos locais tanto nas festas do Nadal como nas do Apóstolo. Así, o alcalde citou o programa Música a pé de rúa, vinculado aos orzamentos participativos da área de Mocidade e que lle deu a varios grupos de Santiago a oportunidade de actuar na cidade en plenas festas.

Mapa da música local
Para a plataforma de Músicos ao Vivo, a posta en marcha deste recurso permitirá que os músicos "fagan piña na cidade e que teñan máis oportunidades para mostrar o seu talento". Xacobe Martínez Antelo salientou que o censo de Compostela é Música tamén "nos permitirá coñecer mellor o carácter da música na nosa cidade, saber que estilos predominan entre os grupos da cidade e cales poden ser as súas carencias".

A plataforma tamén permitirá ter unha idea máis exacta de cantos grupos temos na cidade. Segundo explicou Xabier Mera, "a asociación de Músicos ao Vivo fixera un primeiro censo informal, e xa contabilizara 80 grupos e artistas, só de xente próxima".

Requisitos
Compostela é Música está dirixido a proxectos musicais profesionais e en activo na área de Santiago. Está aberto a todos os xéneros musicais, a todos os tipos de formación e a todas as idades. Para formar parte da base de datos é preciso que un mínimo do 50% dos membros do proxecto musical desenvolva con regularidade a súa base de acción profesional musical en Santiago, e que un mínimo do 50% dos membros do grupo sexan residentes en Compostela e/ou comarca.

O prazo de inscrición na plataforma será do 15 de febreiro ao 15 de marzo, e a partir de aí ábrese un prazo para revisar a información. O obxectivo é que o censo sexa público a partir do 1 de abril.

Compartir: