MEDIO AMBIENTE

A comisión de seguimento para a construción da EDAR reunirase o 21 de febreiro

02/02/2017 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, anunciou hoxe que a reunión da comisión de seguimento para a construción da nova estación depuradora de augas residuais celebrarase o 21 de febreiro, coa participación de representantes do Concello, a Xunta, o Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente e Acuaes. Nesa reunión analizarase a situación actual na que se atopa a tramitación desta infraestrutura e empezarase a revisar o convenio acordado no seu día entre as distintas administracións implicadas na construción da EDAR, que non chegou a ser asinado.

O edil de Medio Ambiente e Convivencia lembrou que "polo de agora só existe un anteproxecto da depuradora, coa súa correspondente declaración de impacto ambiental aprobada". Xan Duro explicou que "están postas as bases para a nova depuradora, pero hai que seguir avanzando ata termos un proxecto no que tamén ten que opinar o Concello".

Revisión do convenio actual
Xan Duro explicou que na reunión que mantiveron onte, a directora xeral de Auga do Ministerio de Agricultura, Liana Ardiles, mostrou a súa disposición a revisar o convenio acadado para a construción da EDAR, como é a vontade do Concello. O concelleiro recoñeceu que un dos aspectos que máis lle preocupa ao Goberno local ten que ver co financiamento da infraestrutura, "porque queremos que queden claros os custos que ten que asumir cada parte".

O edil sinalou que "hai que evitar unha situación como a creada coas obras de mellora da actual EDAR, na que se prevía que o Concello asumiría uns gastos de 300.000 euros, pero finalmente houbo que pagar o dobre por unha cláusula do convenio que fixaba a achega das outras administracións e apuntaba que o Concello se ocuparía do resto". Segundo Xan Duro, "a directora xeral de Auga mostrouse disposta a estudar ese punto, porque calquera sobrecusto nunha infraestrutura presupostada en 70 millóns de euros podería ser un duro golpe económico para o Concello".

Prazos
Unha vez que se reúna a comisión de seguimento, o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia confía en que o novo convenio sexa asinado no mes de xuño. A partir de aí, comezaría a tramitación administrativa, que depende do Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente e de Acuaes. Xan Duro reiterou que o obxectivo é non perder os fondos europeos, que obrigan a que a construción da EDAR arranque antes do remate de 2020.

Compartir: