DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

O Concello convoca un curso para persoas que queiran emprender na Praza de Abastos de Santiago

19/01/2017 O Concello de Santiago vén de convocar unha acción formativa dirixida preferentemente a persoas que estean valorando emprender ou por en funcionamento unha nova liña de negocio na Praza de Abastos de Santiago de Compostela, e queiran coñecer os procesos de concesión administrativa do uso privativo e normal do dominio público dos locais dispoñibles neste espazo.

Iniciar un negocio nun espazo singular como é a Praza de Abastos de Santiago de Compostela ten moitas vantaxes para o seu desenvolvemento, pero o proceso de emprendemento nun espazo así tamén esta rexido por singularidades e procesos administrativos que as persoas interesadas deben coñecer.

Esta acción estrutúrase en tres partes diferenciadas: dúas sesións de formación en grupo, nas que as persoas participantes coñecerán as liñas básicas para a tramitación de convocatorias públicas e como comunicar eficazmente nas mesmas a súa idea de negocio; dúas sesións de formación individual para cada persoa participante; e un sistema de seguimento en liña para apoiar o proceso formativo e aclarar as dúbidas que poidan xurdir no transcurso do mesmo.

O programa desenvolverase a Aula Multiúsos da Praza de Abastos de Santiago de Compostela entre o 30 de xaneiro e o 10 de febreiro de 2017. O prazo para solicitar participar nesta acción formativa remata o vindeiro xoves 26 de xaneiro ás 14:00 horas. A inscrición na actividade realizarase a través da páxina web do Cersia Empresa.

A formación en grupo terá lugar en dous días consecutivos: luns 30 e martes 31 de xaneiro, en horario de 10:30 a 12:00 horas. As sesións de formación individuais realizaranse entre os días 6 e 8 de febreiro, fixando en común acordo coas persoas participantes cita para as sesións sempre dentro das marxes horarias de 9:30 a 13:30 e de 15:45 a 18:45 horas.

Direcciones relacionadas



Compartir: