DEPORTE

Aberto ata o vindeiro luns o prazo para solicitar praza no Campamento de Esquí de Leitariegos (León)

19/01/2017 A concelleira de Deporte, Noa Morales, lembrou esta mañá que ata o luns aínda está aberto o prazo para anotarse na Campaña de Esquí deste 2017, organizada pola Deputación da Coruña en Leitariegos (León).

O Concello de Santiago conta con 22 prazas este ano e na campaña poderán participar nenos e nenas nacidos entre os anos 2002 e 2006. A duración da actividade será de 5 días, estando os e as participantes na estación o domingo pola tarde e saíndo o venres despois da comida. A proposta inclúe o transporte, a estadía e a manutención na estación invernal, monitores e monitoras, clases de esquí, seguros, alugamento de material, remontes mecánicos e calquera gasto que ocasionen as actividades e os cursos programados.

A quenda na que participará o Concello de Santiago é a cuarta, que vai dende o 19 ata o 24 de marzo. Para poder acceder ás prazas é preciso estar empadroado ou empadroada e presentar a ficha de inscrición debidamente cuberta en calquera dos Rexistros do Concello.

A data límite de presentación de solicitudes é o luns 23 de xaneiro. No caso de ter máis solicitudes que prazas realizarase un sorteo público ante o secretario do Concello para a adxudicación das mesmas. O prezo de cada praza é de 95 euros.

Para completar a inscrición, unha vez dadas as prazas, é preciso presentar unha foto tipo carné, fotocopia da tarxeta sanitaria, fotocopia do carné de identidade ou do libro de familia, copia do aboamento da cota de inscrición e, no caso de que o neno ou nena tivese tratamento ou algunha doenza que teña que ser tido en conta, achegarase certificado médico asinado por facultativo/a.

Compartir: