POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello activa un protocolo para a atención das persoas sen fogar durante a onda de frío

18/01/2017 O Concello de Santiago vén de poñer en marcha un protocolo específico para combater o frío que as previsións meteorolóxicas apuntan para as vindeiras xornadas.

O dispositivo ten como finalidade atender as persoas sen fogar que habitualmente pernoctan nas rúas de Compostela e que a concelleira de Políticas Sociais, Diversidades e Saúde, Concha Fernández, estima roldan as 15 persoas. O protocolo é resultado da última xuntanza da Mesa de traballo e coordinación sobre as persoas sen fogar, que leva reuníndose de forma periódica e da que forman parte colectivos sociais, entidades e o Concello de Santiago.

O dispositivo actívase con temperaturas inferiores a 4 graos, con alerta amarela por frío e/ou con vento de máis de 80 quilómetros por hora e está dirixido a coordinar a todos os equipos que habitualmente traballan coas persoas sen fogar de Santiago (os equipos de Cruz Vermella, Policía Local, Protección Civil…). Estes equipos terán saídas específicas todos os días de 8 a 12 da noite e, a partir das 12 da noite, cunha atención especial por parte da Policía Local.

Ademais, o albergue Xoán XXIII estará aberto as 24 horas do día e disporá de 10 prazas máis que as habituais durante estes días de onda de frío. Tamén o Centro Vieiro abrirá durante as fins de semana en horario de 8 da mañá a 6 da tarde. Durante as xornadas pasadas repartiuse información sobre os perigos que supoñen para a saúde as baixas temperaturas e das alternativas que as persoas que habitualmente pernoctan nas rúas teñen para combater o frío. Ínstase a que se acheguen ao dispositivo e non esperen ao máximo pico de frío. O protocolo estará coordinado en todo momento pola Policía Local e Protección Civil.

Recomendacións
Dende o Concello de Santiago apuntamos ademais unha serie de recomendacións para a cidadanía en xeral, sobre todo persoas maiores, nenos e nenas ou persoas con enfermidades crónicas. Ante o brusco descenso de temperaturas previsto para estes días, o Concello recomenda saír á rúa coa indumentaria axeitada; coa cara, cabeza, pés e mans cubertos e con prendas de abrigo que sexan resistentes ao vento. Iso si, recoméndase levar roupa non moi grosa, senón máis ben lixeira e pouco axustada ao corpo para permitir a circulación do aire e que poida actuar de illante. Recoméndase tamén evitar a roupa húmida ou mollada, posto que esta arrefría o corpo rapidamente.

Dende Protección Civil chámase tamén a extremar a precaución no caso de xeo nas rúas para previr caídas, evitando zonas en sombra e curvas en pendente no caso de utilizar algún vehículo. Así mesmo, o Departamento de Medio Ambiente e Convivencia botará sal para impedir a conxelación de rúas e beirarrúas. Aconséllase tamén non realizar exercicio físico en exceso á intemperie e evitar, nos fogares, as correntes de aire ou perdas de calor por portas e fiestras, pechando as habitacións que non estean en uso.

Compartir: