TURISMO

Turismo de Santiago e Lufthansa presentan en Fitur as novas conexións con Frankfurt e Múnich

18/01/2017 A concelleira de Turismo de Santiago, Marta Lois, e o responsable de Lufthansa para España e Portugal, Carsten Hoffmann, presentaron as novas conexións da compañía xermana en Santiago, que dende finais de marzo unirán a capital de Galicia tres veces por semana co seu hub internacional de Frankfurt e unha vez por semana co de Múnich.

Marta Lois destacou que Santiago viviu no 2016 ano un gran ano turístico, conseguindo máximos históricos de tráfico no aeroporto, no Camiño de Santiago e de pernoctacións na cidade. Segundo a concelleira, gran parte do crecemento turístico de Santiago nos últimos anos debeuse á constante internacionalización da demanda. No ano 2011, o turismo internacional representou o 33% das pernoctacións da cidade, con 370.000. No pasado ano chegou practicamente ao 50% da demanda, con 650.000 pernoctacións.

O mercado alemán foi un dos motores do crecemento do turismo internacional na cidade. Alemaña é historicamente un dos países con maior tradición peregrina. Pero a demanda alemá creceu dun modo moi considerable nos últimos anos. Por exemplo, no 2012 houbo 50.000 pernoctacións de turistas xermanos e uns 15.000 peregrinos. No 2016 roldáronse as 80.000 pernoctacións e superáronse por primeira vez os 20.000 peregrinos de Alemaña.

Segundo apunto Marta Lois, a chegada de Lufthansa a Santiago constitúe unha grande oportunidade para continuar crecendo no mercado alemán, pero tamén é unha grande oportunidade para continuar medrando internacionalmente, xa que Lufthansa conta con grandes hubs tanto en Frankfurt como en Múnich, que ofrecen múltiples posibilidades de conexión.

O aeroporto de Frankfurt é o maior de Alemaña e un dos hubs máis importantes do mundo. Trátase do maior hub de Lufthansa e ofrece aos seus visitantes todo tipo de servizos, instalacións e eventos. Por outro lado, o aeroporto de Múnich é un dos máis grandes de Alemaña, e foi galardoado no 2016 por Skytrax como mellor aeroporto de Europa por terceiro ano seguido.

Compartir: