CONSORCIO

A mezzosprano británica Claudia Huckle canta este xoves coa Real Filharmonía a "Sinfonía nº 3" de Mahler

11/01/2017 A Real Filharmonía de Galicia celebra este xoves, 12 de xaneiro, o seu concerto semanal de abono na súa sede, o Auditorio de Galicia, ás 20:30 horas. A batuta levaraa o director titular e artístico da agrupación, o mestre Paul Daniel.

A orquestra interpretará a Sinfonía nº 3 do compositor checo Gustav Mahler (1860-1911), subtitulada orixinalmente como Un soño dunha mañá de verán e arranxada nesta ocasión polo compositor galego Joam Trillo. É unha sinfonía coral de gran envergadura. Consta de seis movementos, un dos cales require un coro de nenos, un de mulleres e unha contralto. Así, os músicos acompañarán á mezzosprano británica Claudia Huckle, ao Coro de Mujeres de la Comunidad de Madrid e á Escolanía da Catedral de Santiago.

A voz da mezzosoprano Claudia Huckle
Claudia Huckle formouse en Gran Bretaña e Estados Unidos. En 2013 gañou o premio Birgit Nilsson no certame Plácido Domingo’s Operalia, converténdose na primeira muller e a primeira británica en conseguir este galardón. Ao longo da súa carreira interpretou papeis en obras como Madama Butterfly, Hansel e Gretel, Ana Bolena, Edipo ou A frauta máxica, entre outras moitas. No seu repertorio destacan pezas coma O Mesías de Haendel, A paixón segundo San Juan de Bach ou El amor brujo de Manuel de Falla. Cantou coas agrupacións máis prestixiosas e nos mellores escenarios de toda Europa, América e Asia, baixo a batuta de grandes directores.

Coro de Mujeres de la Comunidad de Madrid
O Coro de Mujeres de la Comunidad de Madrid, dirixido na actualidade por Pedro Teixeira, está recoñecido coma un dos mellores e máis dinámicos coros españois. Creouse en 1984 e dende entón participa tanto en concertos a capella e con orquestra como na escena lírica, ademais de na gravación de discos. O seu crecente prestixio levouno aos máis importantes escenarios españois e do estranxeiro, actuando en países como Alemaña, Bélxica, Francia, Polonia, México, Marrocos, China ou Xapón.

Escolanía da Catedral de Santiago
A Escolanía da Catedral de Santiago é un dos coros con máis historia da cidade compostelá. Foi refundada en 2008 por iniciativa do Cabildo e, dende entón, compaxina as súas actuacións regulares en actos litúrxicos dentro da Catedral con concertos fóra do recinto catedralicio. Actuou en acontecementos tan relevantes como a visita do Papa Bieito XVI a Santiago, xunto á Real Filharmonía de Galicia, coa que colaborou en varias ocasións. Tamén actuou con outros coros, entre eles o Georgia Boy Chorus de Atlanta. Ademais, é habitual a súa participación en concertos benéficos a favor de entidades como Mans Unidas ou Cáritas.

Con motivo da celebración do seu quinto aniversario, publicou o seu primeiro disco, Á Porta do Paraíso, no que se recolle o traballo realizado nese período. O coro, que na actualidade está formado por unhas 35 nenas e nenos de entre 8 e 17 anos, está dirixido dende a súa refundación por José Luis Vázquez, que ademais é director dos Nenos Cantores da Sinfónica de Galicia e do Coro Cardeal Quiroga da Catedral de Santiago.

Charla previa co director Paul Daniel e o compositor Joam Trillo
Antes da celebración do concerto, o público asistente terá a oportunidade de manter unha charla previa co director Paul Daniel e co compositor Joam Trillo. Será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia Convers@ndo con, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Compartir: