LINGUA

Agasallos para as nenas e nenos de 5º de infantil do CEIP Quiroga Palacios pola súa implicación no certame de Cartas do Nadal

09/01/2017 Este luns, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, acompañou o Apalpador na súa última visita deste Nadal. Foi unha parada especial no CEIP Quiroga Palacios para agasallar as nenas e nenos da aula de 5º de infantil.

Grazas ao traballo da titora desta aula, María Abeijón, os nenos e nenas deste grupo de 4 anos participaron en decembro nunha convivencia cos seus avós e avoas na para compartiren as vivencias do Nadal que estes lembraban da súa infancia e elaborar conxuntamente as cartas de Nadal coas que participaron no concurso organizado polo Concello.

Os maiores axudaron aos seus netos e netas a prepararen a carta e a recoller nela algunha da información compartida; os nenos e nenas ilustráronas con toda a súa imaxinación e a profesora, pola súa parte, foi a encargada de transmitir un desexo colectivo dunha sorpresa para o grupo.

Dende o Concello mediouse cos personaxes do Nadal que, finalmente, decidiron enviar o Apalpador, porque lle cadraba máis preto da súa casa para volver despois e descansar do intenso traballo destas últimas semanas.

Hoxe volvéronse reunir avoas, avós, nenos e nenas na biblioteca do centro para recibir o Apalpador que, algo trasno, xa lles deixara cadansúa carta nas casas anunciando a visita, e tamén fixera algunha incursión pola aula para comprobar que andaban a facer no seu primeiro día de escola despois das vacacións.

O antigo carboeiro do Caurel explicoulles aos nenos e nenas, grazas a un espectáculo de fantoches de Ignacio Vilariño, cal fora a razón pola que dedica a súa vida a levar agasallos a quen os necesita. Ademais, aproveitou para repartir algunhas castañas aos protagonistas da xornada, que xa comezaban a ter barriguiña baleira porque chegaba a hora da merenda.

A sesión de teatro e maxia foi moi aplaudida polos nenos e nenas e tamén polos maiores que os acompañaron e completouse coa entrega dun lote de material didáctico que fica no centro como agradecemento ao esforzo educativo que realiza.

Compartir: