CASCO HISTÓRICO

O Concello de Santiago exporá en Arxentina e Uruguai o seu modelo de rehabilitación e xestión do Casco Histórico

17/11/2006 A concelleira de Rehabilitación e Casco Histórico, Mercedes Rosón, viaxará a Santa Fé (Arxentina) e Colonia (Uruguai) para tomar parte nun encontro con diversas cidades de América Latina, no marco da iniciativa PAGUS-AL "Programa de Asistencia e Xestión Urbana Sostible- América Latina", un proxecto pertencente ao programa URB-AL financiado pola Comisión Europea. O obxectivo deste programa de cooperación internacional é intercambiar boas prácticas cos socios latinoamericanos no eido da rehabilitación e xestión sostible dos cascos históricos das cidades participantes.

Mercedes Rosón viaxará, do 18 ao 27 de novembro, acompañada da directora da área de urbanismo, Berta Rosón, e da arquitecta do Consorcio de Santiago Idoia Camiruaga, con gran experiencia neste ámbito, por ter sido a responsable rexional do proxecto PAGUS e ser a coordinadora da Aula de Rehabilitación que está a levar a cabo o Concello de Santiago xunto coa Universidade de Santiago e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG).

No marco deste programa, o 23 e o 24 de novembro celebrarase en Santa Fe (Arxentina) a Conferencia Intermedia sobre "Asistencia e xestión urbana sostible". Alí intercambiaranse experiencias e coñecementos, e analizaranse os resultados obtidos e as accións realizadas polas cidades socias. Ademais de Santiago, participan neste proxecto as cidades de Valparaíso (Chile), Colonia (Uruguai), Santa Fe (Arxentina), Juiz de Fora e Olinda (Brasil), Val do Ave (Portugal) e o Comune di Narni (Italia).

O proxecto PAGUS-AL está intimamente relacionado co proxecto PAGUS, no cal o Concello de Santiago está a liderar a compoñente 2, dedicada á "mellora da capacidade dos axentes de renovación urbana e transferencia de coñecementos entre as rexións sociais". O proxecto PAGUS está financiado con fondos europeos da iniciativa comunitaria INTERREG IIICSur.

Compartir: