CONSORCIO

"Intramuros" sobrepasa a cifra dos 100.000 visitantes

17/11/2006 A exposición "Intramuros" fora visitada ata o venres 17 de novembro por 100.250 persoas, o que supón un gran éxito de asistencia. Por esta razón, o alcalde e presidente do Consorcio, Xosé A. Sanchez Bugallo, anunciou que se amplía o prazo de apertura da mostra ata o 28 de febreiro de 2007.

O Consorcio de Santiago, organizador da mostra, está a celebrar o décimo quinto aniversario da fundación do Real Patronato coa apertura desta exposición, situada na antiga sede do Banco de España, na Praza de Praterías. A mesma adéntrase por primeira vez no interior dos conventos de clausura de Santiago a través da recreación de ambientes e dunha coidada selección de arte sacro pertecente a estes centros relixiosos. Esta mostra complétase cun libro de luxo no que se recollen 75 fotografías dos conventos de Santa Clara, San Paio, Belvís e Conxo, realizadas por Domi Mora, e textos de Xosé Manuel Villanueva e Luisa Castro.

Os organizadores do Consorcio consideran que "Intramuros" está a ter un eco importante, non soamente entre o público galego senón tamén nacional e internacional, debido sobre todo aos numerosos visitantes que, como peregrinos ou turistas, visitan a cidade. Así o amosan as testemuñas enviadas por correo electrónico, agradecendo ao Consorcio o acerto de concibir e organizar unha mostra configurada de maneira tan característica.

Por outro lado, a exposición conta cun novidoso horario, xa que se pode seguir visitando ata as doce da noite, o que a convirte nunha mostra única, tamén por esta singularidade.

Compartir: