TURISMO

Compostela presentou en Roma a Rede de Cidades Santas

17/11/2006 O Palazzo Ferrajoli da capital italiana acolleu o pasado 15 de novembro o evento no que Santiago de Compostela, Roma e Xerusalén deron a coñecer o proxecto "Holy Cities", que reúne os seus esforzos pola conservación do patrimonio, a mellora da vida dos seus habitantes e a promoción do turismo relixioso e cultural.

O acto de presentación da Rede de Cidades Santas, no emblemático edificio da Piazza Colonna, estivo presidido polo concelleiro de Turismo compostelán, Francisco Candela, e polos representantes dos gobernos municipais de Roma e Xerusalén; e contou coa asistencia de medios de comunicación europeos e numerosas personalidades.

Durante o evento, organizado por Turismo de Santiago e patrocinado pola Sociedade de Xestión do Xacobeo, as tres Cidades Santas da Cristiandade presentaron os contidos do acordo asinado en Santiago de Compostela o 13 de decembro do 2005.

O concelleiro Candela fixo unha introdución sobre o proxecto, e deu paso as intervencións do xerente do Xacobeo, Ignacio Eguíbar; da duquesa María Luisa dell’Aquila d’Aragona, na súa calidade de benefactora da igrexa da Santa Croce de Xerusalén; da vicesíndico María Pia Garavaglia, en representación da Comune de Roma; e do embaixador israelí ante a Santa Sede, Oded Ben Hur, que pechou o evento. Ás intervencións engadíronse a o vídeo promocional e o folleto encargados a Turismo de Santiago.

A rede de Cidades Santas será presentada en España o 13 de decembro cun acto programado na Casa de Galicia de Madrid.

Xornada técnica cun plan turístico de deseño compostelán

O martes 14 tivo lugar unha xornada técnica previa na que as comisións das tres cidades repasaron o proxecto de definición do produto ‘Cidades Santas Patrimonio da Humanidade’ elaborado por Turismo de Santiago.

Os obxectivos do plan compostelán son converter á rede nun produto turístico de primeira orde, logrando ademais o uso sostíbel do patrimonio relixioso e a súa divulgación como legado europeo.

Compartir: