URBANISMO

Visto bo ás obras de urbanización do Sunp-4 das Cancelas

17/11/2006 Solucionados os últimos flecos pendentes, a Xunta de Compensación do Sunp-4 (Camiño Francés-As Cancelas) reunirase o 29 de novembro para dar a conformidade ao proxecto definitivo de urbanización deste solo, segundo anunciou o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo. Deste xeito, as obras poderán comezar en xaneiro, aínda que xa no mes de decembro se emprenderá algunha actuación.

Sánchez Bugallo tamén indicou que a empresa promotora ten previsto solicitar a licenza de obra na segunda quincena de xaneiro. A previsión é que inicialmente se presente un proxecto básico do novo centro comercial para que sexa analizado polos técnicos municipais.

Cómpre lembrar que neste solo se actuará sobre 144.000 metros cadrados, dos que 54.700 se destinarán á construción dun gran centro comercial. O proxecto inclúe tamén cinco bloques dos que un será para o Concello, a través dunha fórmula aínda por decidir. En todo caso, o alcalde anunciou que este bloque de residencias se empregará para atender necesidades sociais. Cada bloque, ao que se destinan 2.100 metros cadrados, constará de 20 a 25 vivendas de baixo e catro plantas.

Ao respecto deste proxecto, Sánchez Bugallo destacou a súa calidade, "cunha edificabilidade un 70% menor do autorizado legalmente". Nesta mesma liña destacou a futura ampliación do vieiro e os 45 metros de retranqueo dende o mesmo do novo complexo comercial.

Segunda fase de Cornes

Tamén en materia de urbanismo, o rexedor compostelán comunicou que a Xunta de Goberno do luns 20 aprobará a segunda fase do polígono residencial de Cornes. A primeira xa está en execución e o obxectivo é que en breve poidan comezar as obras de urbanización para que se desenvolvan á vez as dúas fases.

Compartir: