EDUCACIÓN

Dous mil rapaces asistirán ao inicio do ciclo de Concertos Didácticos

16/11/2006 O venres 17 iníciase o ciclo de Concertos Didácticos no Auditorio de Galicia. Para comezar, unha actuación de N’Cayman Percussion en sesión dobre, ás 10:00 e ás 12:00 horas. A audición está dedicada ás posibilidades técnicas e interpretativas dos instrumentos de percusión.

O espectáculo ten como obxectivos descubrir as posibilidades técnicas e interpretativas dos instrumentos de percusión, identificar os distintos tipos de instrumentos e mostrar os xéneros e estilos musicais de diferentes partes do mundo. Utilízase como argumento un percorrido pola historia dende que o home se fixou nos sons da natureza e comezou a imitalos con distintos materiais (pedras, ósos de animais, anacos de troncos, metais, etc.). Cando o home dispuxo de ferramentas e puido traballar os distintos materiais para darlles a forma máis conveniente, apareceron os tambores de diferentes tamaños e formas. Os instrumentos foron levados dun lugar a outro por mercadores e conquistadores, e algúns aínda se utilizan na actualidade en ritos e cerimonias e outros evolucionaron considerablemente.

A formación protagonista destas sesións, N’Cayman Percussion, foi fundada no Conservatorio Profesional de Música da Deputación de Albacete por José Alberto Marquina, profesor de percusión do centro e por un grupo de alumnos avanzados desta especialidade. A agrupación que actuará nestas sesións está formada por: David García, Jacinto Gallego, Luis Carmelo Jaén e Víctor M. Martínez.

O grupo foi evolucionando cara novas metas, dende os seus inicios ata hoxe, aproveitando a experiencia dos máis de 150 concertos ofrecidos por toda España e na achegada polos seus compoñentes, todos eles profesores titulados de percusión, membros de bandas profesionais, orquestras e escolas de música.

Ás sesións deste espectáculo asistirán dous mil rapaces, de 6 a 11 anos, de centros escolares de Santiago de Compostela, Ames, Ordes, A Baña, Serra de Outes, A Estrada, Rianxo, Teo, Val do Dubra, Brión, Frades, Narón, Mesía, Mazaricos, Boiro, Melide, Padrón, Negreira, Valdoviño e Touro.

Compartir: