ALCALDÍA

Fraga recibe a Sánchez Bugallo

20/04/2005 O Estatuto da Capitalidade, a reunión das cidades Premio Europa e a Cidade da Cultura foron algúns dos asuntos abordados polo alcalde compostelán durante a audiencia mantida co Presidente da Xunta, Manuel Fraga, en San Caetano.

Con respecto ao Estatuto de Capitalidade, o alcalde manifestou que "existe un principio de acordo para esta anualidade que é de dous millóns de euros", aínda que é necesario concretar outros asuntos para o que se celebrará unha nova reunión do Consello da Capitalidade "posiblemente, na primeira quincena de maio".

Sánchez Bugallo concretou que "a aspiración municipal é continuar nesta liña de progresión anual" -que supón un incremento de medio millón de euros en cada anualidade- e reiterou a súa intención de acadar un acordo plurianual unha vez que se chegue a unha "cifra razonable" cun compromiso de crecemento, cifra que estimou arredor dos tres millóns e medio de euros.

O alcalde aproveitou esta audiencia para convidar ao presidente da Xunta á reunión anual que as Cidades Premio Europa celebrarán en Santiago de Compostela os próximos días 1, 2 e 3 de xullo. Nesta ocasión, segundo sinalou Sánchez Bugallo, conmemórase ademais o cincuenta aniversario do Premio Europa e o vinte aniversario da concesión deste premio á cidade compostelá.

Por último, segundo informou o rexedor compostelán, abordarónse "outras actuacións da Xunta en Santiago, e máis concretamente as referidas á Cidade da Cultura".

Compartir: