NADAL

O Belén de San Fiz recibiu 1.200 visitas no seu segundo día de apertura

10/12/2016 O alcalde visitou este sábado o Belén tradicional que o Concello instalou na igrexa de San Fiz por segundo ano consecutivo, e que abriu as súas portas o xoves. Martiño Noriega estivo acompañado polos concelleiros Marta Lois e Xan Duro, que puideron comprobar as melloras do Nacemento con respecto ao ano pasado: máis figuras e mellor iluminación. Así llo explicou durante a visita José Uzal, a persoa que cede o Belén e se encarga da súa montaxe.

O Nacemento tradicional de San Fiz está a ser todo un éxito. Só no día de onte, venres, pasaron pola igrexa 1.200 persoas para ver a montaxe. No Nadal pasado, a primeira vez na que o Belén tiña esta localización, foron máis de 35.000 as persoas que se achegaron a coñecelo.

O Belén tradicional de San Fiz conta con máis de 200 figuras de barro e lenzo pintado, feitas a man. Nel inclúense diferentes escenas, pezas en movemento, río de auga corrente e iluminación que simula o paso do día á noite en ciclos de catro minutos. O Nacemento está cedido e montado por José Uzal, en colaboración con Colexio Maior de Santo Agostiño e do Arcebispado de Santiago. A súa instalación na igrexa de San Fiz está impulsada polo Concello, a través de Turismo de Santiago.

A visita ao Belén pódese facer de luns a venres, de once da mañá a tres da tarde e de cinco da tarde a nove da noite. Os sábados, domingos e festivos, a igrexa está aberta en horario continuo de once da mañá a nove da noite. Nas xornadas do 24 e o 31 de decembro poderase visitar de once da mañá a sete da tarde; os días 25 e 31 de seis da tarde a nove da noite, e o 5 de xaneiro de once da mañá a nove da noite. O Belén permanecerá instalado en San Fiz ata o 5 de xaneiro.

Compartir: