EDUCACIÓN

Os ensinantes de música tradicional debaten como transmitir este patrimonio ás novas xeracións

16/11/2006 O Auditorio de Galicia acolle o I Congreso de Ensinantes de Música Tradicional Galega os días 18 e 19 de novembro. Organizado pola Asociación de Gaiteiros Galegos(AGG), este encontro é reunir aos docentes da música e baile tradicional para que debatan sobre a liña a seguir para que o este patrimonio sexa posto en valor e transmitido eficazmente ás novas xeracións.

Profesores de educación primaria e secundaria, conservatorios e ensino non regrado falarán de sistemas de metodoloxías, pero tamén chamarán a atención sobre a importancia socioeconómica que este sector do ensino da música tradicional ten en Galicia. Nesta liña, exporanse as conclusións do estudo que a fundación Son de Seu, en colaboración coa Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia e coa AGG, vén de realizar para documentar a actividade de tódolos ensinantes dedicados a este eido que existen actualmente na Comunidade Autónoma.

No congreso poderanse escoitar dez relatorios, pronunciados por importantes investigadores e docentes galegos. Trataranse temas como as propostas para adaptar o ensino da música tradicional ao novo contexto urbano; o ensino da gaita de fol, do baile tradicional, da percusión, do canto e da zanfona; ou a aplicación das novas metodoloxías de ensino e linguaxes musicais ao ensino da música e baile tradicionais galegos.

Estes relatorios alternaranse con sesións plenarias onde se discutirán de xeito aberto a situación actual do ensino da música e danza tradicionais, as novas propostas e o futuro que agarda a este tipo de ensino. Os asistentes a este congreso presenciarán tamén un concerto didáctico a cargo de Pablo Carpintero, no que amosará a riqueza e as posibilidades didácticas dos instrumentos tradicionais de Galicia.

O Congreso foi presentado en rolda de prensa polo concelleiro de Cultura, Néstor Rego; o presidente da Asociación de Gaiteiros Galegos, Santiago Caneiro; a responsable en Santiago da Asociación Sociopedagóxica Galega (AS-PG), Iria Aboi; e o secretario xeral de CIG-Ensino, Anxo Louzao.

Compartir: