BENESTAR SOCIAL

O Concello de Santiago e a USC colaborarán na realizacións dos programas de voluntariado social e "Ruptura de parella, non de familia"

16/11/2006 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro, asinaron dous convenios de colaboración polos que ambas institucións se comprometen a colaborar na realización de dous programas: o de voluntariado social, e que leva por nome "Ruptura de parella, non de familia".

Sánchez Bugallo amosou a súa satisfacción "pola colaboración coa USC e polo obxecto destes convenios, que responden a dous dos problemas máis novos e máis intensos da nosa sociedade: a separación da parella e a súa repercusión nos fillos, e o das persoas ás que axudan os voluntarios, un colectivo do que a Universidade ten a maior reserva".

O primeiro dos convenios asinados ten por obxecto establecer as condicións polas que se rexerá a colaboración entre Concello e Universidade, a través da Oficina do Voluntariado, en actividades relacionadas coa formación, difusión e promoción do Voluntariado Social. Para este cometido, o Concello aportará 3.000 euros á entidade universitaria.

No marco deste convenio levaranse a cabo actividades como o deseño e coordinación dun programa de convivencia interxeracional; a colaboración nas actividades de apoio a colectivos en situación de risco e exclusión; o asesoramento mutuo en cuestións relacionadas coas actividades de ambas as dúas entidades; e a organización e execución de actividades comúns relacionadas coa cultura da solidariedade e a formación e promoción do voluntariado social.

O convenio ten unha vixencia de dous anos e poderá ser prorrogado polo mesmo período de tempo por acordo expreso das dúas institucións. Tamén en materia de voluntariado, a Universidade está a traballar nun proxecto de convivencia interxeracional, no que tamén colaborará o Concello de Santiago.

Aula en Conxo e atención de casos derivados

O segundo dos convenios establece os termos de colaboración para o desenvolvemento do programa "ruptura de parella, non de familia", para a realización do cal aporta o Concello a cantidade de 7.000 euros. Así mesmo, a entidade municipal cede á Universidade, para a posta en marcha das actividades enmarcadas dentro do programa, a utilización dunha aula no Centro Sociocultural de Conxo.

Pola súa banda, a Universidade de Santiago comprométese a facer entrega ás concellarías de Benestar Social e Muller, dos estudos, traballos de investigación, informes, publicacións ou calquera outro traballo elaborado polos responsables do programa que poidan ser de interese para as devanditas concellarías na súa labor de asesoramento e atención psicolóxica.

O convenio tamén establece que o Concello se compromete a derivar á Unidade de Psicoloxía forense da Facultade de Psicoloxía da USC, a aquelas persoas que, segundo a valoración dos profesionais da Concellarías de Benestar Social e Muller, poden ser susceptibles da súa incorporación ao programa. Do outro lado, a Unidade de Psicoloxía comprométese a atender os casos derivados polo Concello. Este segundo convenio ten unha duración dun ano, prorrogable por igual período de tempo.

Compartir: