AEROPORTO

Plaza Cargo presenta en Santiago os voos directos a Zaragoza

16/11/2006 A liña aérea enlazará os aeroportos das capitais aragonesa e galega cun voo diario a partir do 20 de novembro, segundo anunciaron representantes de Plaza Cargo e Turismo de Santiago.

O acto de presentación dos voos de Plaza Cargo tivo lugar o mércores 15 de novembro no Hotel Araguaney, ante a presenza das autoridades turísticas da cidade e axentes de viaxes e xornalistas aragoneses invitados para a ocasión.

Segundo informou o conselleiro delegado de Plaza Servicios Aéreos, Fernando Salvador Sánchez Caro, o avión ATR-42 da liña aérea, con capacidade para 46 pasaxeiros, operará unha frecuencia diaria entre os aeroportos de Zaragoza e Compostela dende o 20 de novembro.

Os billetes están a venda na páxina web www.plazaserviciosaereos.net e en axencias de viaxe aragonesas, indicou Javier González, delegado de marketing da compañía aérea.

Ao acto de presentación dos voos asistiron, entre outros, Iñaki Gaztelumendi, xerente de Turismo de Santiago; José Ramón Castiñeiras, xefe da área de Congresos de Turgalicia; José Oreiro e José Anca, presidente e vicepresidente da Asociación de Axencia des Viaxes de Galicia; Jesús Asorey, presidente da Cámara de Comercio de Santiago; os presidentes da Asociación de Hostalería de Santiago e Comarca, Juan Silva e Manuel González; así como o director xeral de Transportes do goberno de Aragón, Simón Casas, e representantes da Cámara de Comercio e do Concello de Zaragoza.

Os xornalistas invitados, entre os que se atopaban medios coma Aragón Press, El Heraldo de Aragón, Aragón TV, El Periódico de Aragón e a delegación de Televisión Española, chegaron a Santiago nunha viaxe de promoción que lles permitiu realizar unha visita guiada polo casco histórico e a subida ás cubertas da Catedral.

Compartir: