TURISMO

Compostela presentou en Roma a Rede de Cidades Santas

15/11/2006 O Palazzo Ferrajoli da capital italiana acolleu o evento no que Santiago de Compostela, Roma e Xerusalén deu a coñecer o proxecto "Holy Cities", que reúne os seus esforzos pola conservación do patrimonio, a mellora da vida dos seus habitantes e a promoción do turismo relixioso e cultural.

O acto de presentación da Rede de Cidades Santas, no emblemático edificio da Piazza Colonna, estivo presidido polo concelleiro de Turismo compostelán, Francisco Candela, e polos representantes dos gobernos municipais de Roma e Xerusalén; e contou coa asistencia de numerosas personalidades, entre eles o embaixador de Israel ante O Vaticano, Oded Ben Hur.

Durante o evento, organizado por Turismo de Santiago e patrocinado pola Sociedade de Xestión do Xacobeo, as tres Cidades Santas da Cristiandade presentaron os contidos do proxecto de cooperación co que se desenvolve o acordo asinado en Santiago de Compostela o 13 de decembro do 2005.

O concelleiro Candela fixo unha introdución sobre o proxecto, e deu paso ás intervencións do xerente do Xacobeo, Ignacio Eguíbar; da duquesa María Luisa dell’Aquila d’Aragona, na súa calidade de benefactora da igrexa da Santa Croce de Xerusalén; da vicesíndico María Pia Garavaglia, en representación da Comune de Roma; e do embaixador israelí ante a Santa Sede, Oded Ben Hur, que pechou o evento. Ás intervencións engadíronse as presentacións do vídeo promocional e do folleto encargados a Turismo de Santiago.

A rede de Cidades Santas será presentada en España o próximo 13 de decembro cun acto programado na Casa de Galicia de Madrid.

Xornada técnica cun plan turístico de deseño compostelán

O martes 14 tivo lugar unha xornada técnica previa, na que as comisións das tres cidades repasaron o proxecto de definición do produto "Cidades Santas Patrimonio da Humanidade" elaborado por Turismo de Santiago.

Os obxectivos do plan compostelán son converter á rede nun produto turístico de primeira orde, logrando ademais o uso sostible do patrimonio relixioso e a súa divulgación como legado europeo.

De acordo con Francisco Candela, o plan presentado por Santiago logrará facer da rede de Cidades Santas un circuíto turístico moi potente de carácter patrimonial, relixioso e cultural, apoiado por unha marca ben definida e unha campaña de comunicación conxunta.

Para isto, as tres cidades traballarán o próximo ano no estudo da súa demanda potencial, na análise da competencia e na avaliación do impacto do turismo nelas. Na seguinte etapa, cada cidade estruturará a súa oferta, executará os proxectos de accesibilidade e as actuacións de conservación do patrimonio, así como s plans para a xestión dos fluxos de visitantes nos Anos Santos. Finalmente deseñaranse o plan de comunicación, a imaxe e marca do producto e as accións de difusión, así como os mecanismos de coordinación coa Igrexa e a cidadanía.

Compartir: